A Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico está aberta este fin de semana no Parque da Alameda de Santiago coa presenza de 15 produtores de Galicia e Norte de Portugal e dous artesáns de Galicia que promoverán e venderán os seus produtos ata o próximo domingo.
O alcalde de Santiago asitiu ao acto de inauguración que tamén contou coa presenza do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; así como outros membros da Corporación municipal.
A Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, Galicia e Norte de Portugal, celébrase desde hai unha década en cidades que pertencen ao Eixo Atlántico, dentro do ámbito do programa de actividades para a promoción e venda de produtos tradicionais galegos e portugueses da entidade transfronteiriza. Este evento lévase a cabo desde os seus inicios en colaboración co Concello do Barco, e neste 2022 tamén coa colaboración do concello de Santiago pola celebración da mesma na capital de Galicia.
Todos os produtos que se poderán atopar na feira son de marcado carácter tradicional, teñen unha alta calidade e contan con garantía de orixe, e poderán degustarse e mercarse en horario de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h durante os días de feira.