Pontevedra capital gastro namora a Porto


O proxecto Pontevedra Capital Gastro, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración co sector da hostalería, comeza a darse coñecer alén das nosas fronteiras. A iniciativa xa interesa e moito aos nosos veciños portugueses e, de feito, a Câmara Municipal do Porto decidiu convidar ao Concello a protagonizar unha xornada de showcooking centrada na gastronomía pontevedresa. O escenario desta exhibición dos nosos potenciais culinarios será o restaurado Mercado do Bolhão, un dos principais focos de interese turístico e patrimonial da cidade lusa.

Esta atractiva proposta de colaboración foi abordada no transcurso dun encontro que o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, mantivo na Câmara Municipal do Porto co seu presidente, Rui Moreira, e co seu xefe de Gabinete, o professor Fernando Vasco Ribeiro (profesor de Comunicación da Universidade do Porto). A recepción, na que se trataron algúns dos principais proxectos e iniciativas que ámbalas cidades teñen en marcha, produciuse precisamente cando Moreira viña de visitar (e presentar ante os xornalistas da canle de televisión SIC) as obras de rehabilitación integral executadas no enorme edificio do Mercado do Bolhão, e nas que a Câmara lusa efectuou un investimento económico moi importante.

Non obstante, segundo Rui Moreira lle indicou a Iván Puentes, o ‘novo’ Mercado do Bolhão comezará a funcionar entre finais de agosto e principios de setembro, destinarase integramente a espazo gastro e xogará un papel estratéxico no plan que a Câmara ten de converter a súa gastronomía en marca de cidade, como xa está facendo Pontevedra. Tal e como explicou o edil socialista tralo encontro con Moreira e Vasco Ribeiro, “o proxecto Pontevedra Capital Gastro namorou ao presidente da Câmara do Porto e o seu gabinete plantexoume a organización desta xornada de showcooking centrada exclusivamente na marca gastronómica da nosa cidade e nos nosos cociñeiros”.

“A idea -sinalou o edil do PSOE- é realizar unha viaxe oficial encabezada pola concelleira Yoya Blanco, na que levaremos con nós a unha delegación de cociñeiros da cidade para que se reúnan e intercambien experiencias con cociñeiros portugueses. O ‘novo’ Mercado do Bolhão conta cun patio interior dedicado a showcooking, polo que disporemos dun escenario perfecto, polo de atracción turística internacional, para exhibir o excelente nivel da nosa gastronomía aos veciños da principal cidade do Norte de Portugal”.