Pontevedra activa as visitas guiadas para persoas con dispacidade




A Concellería de Promoción Económica e Turismo porá en marcha este domingo 17 de xullo, a través de Turismo de Pontevedra, as visitas turísticas guiadas especialmente deseñadas para persoas con discapacidade sensorial (xordas, con perda auditiva e xordocegas) e as súas familias, que xa poden reservar praza a través da plataforma web de Visit Pontevedra https://www.visit-pontevedra.com/visitas-guiadas/visita-para-personas-con-diversidad-sensorial/. As visitas, organizadas en colaboración coa Concellería de Benestar Social e da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia ‘Xoga’, terán continuidade ao longo de verán, en concreto os domingos 31 de xullo, 21 e 28 de agosto e 11 de setembro, estando previsto que se manteñan operativas ao longo de todo o ano para grupos ou colectivos que así o soliciten (a través do teléfono 986 09 08 90 ou do email info@visit-pontevedra.com).


A actividade desenvolverase coa asistencia dun intérprete oficial de lingua de signos española, que será o nexo de unión entre o grupo e o seu correspondente guía, terá unha duración aproximada dunha hora e 15 minutos, saíndo da Praza da Ferrería e percorrendo varias das principais prazas do centro histórico: Leña, Verdura, Méndez Núñez e Teucro, así como o santuario da Virxe Peregrina. Tal e como lembra a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, este servizo permanente de reservas para visitas guiadas dotado de intérprete de lingua de signos, que ten un custe xeral de 5 euros e gratuíto para nenos menores de 12 anos, “ten un carácter absolutamente pioneiro en Galicia e resulta moi difícil de atopar noutras urbes de España de xeito programado”, polo que “supón un novo e importante paso adiante no noso obxectivo de que Pontevedra sexa unha cidade diversa e igualitaria”.