Poio mellora a ruta dos muiños de Samieira e a área arqueolóxica da Caeira




A tenente de alcalde e responsable de Turismo de Poio, Silvia Díaz (Avante Poio), supervisou este mércores os traballos de mellora efectuados en diferentes puntos da ruta dos muíños de Samieira. Tal e como explica a edil do Goberno local, estas tarefas consistiron en reparacións efectuadas nos pasamáns e a superficie das pasarelas de madeira habilitadas para facilitar o tránsito dos e das usuarias. “Actuouse nas partes que se atopaban nun maior estado de deterioro”, indicou Díaz, que sinalou que a actuación foi levada a cabo por unha empresa especializada. Ademais, garantiu que se continuarán realizando tarefas de arranxo e mantemento por parte dos operarios municipais.

A concelleira de Turismo confirmou, asemade, que recentemente se lle enviou un escrito a Augas de Galicia, departamento dependente da Xunta de Galicia, para solicitarlle que acometa traballos de limpeza no río. “Comprobamos que nalgunhas partes do curso do río acumúlase moita maleza, en lugares moi próximos aos muíños”, apuntou. A maiores, Silvia Díaz sinalou que actualmente tamén se están a desenvolver traballos de mantemento na Área Arqueolóxica da Caeira, onde tamén se está procedendo á mellora das pasarelas. Todas estas actuacións contan cun orzamento que ascende a preto de 15.000 euros.

A Ruta de Samieira consta de 23 muíños, dez dos cales foron restaurados no seu momento, ademais de tres fontes. A lonxitude total é de 5,5 quilómetros (ida e volta). Pola súa banda, a Área Arqueolóxica da Caeira, situada no lugar de Boavista (San Salvador), conta con máis de 20 gravados rupestres.

Deste xeito, desde a Concellería de Turismo apóstase por dar continuidade ás actuacións realizadas ao longo dos últimos dous anos, dentro da súa aposta en firme pola difusión e promoción do patrimonio arqueolóxico e etnográfico, así como dos espazos naturais do municipio. Entre estes traballos figuran, por exemplo, a dotación e renovación da sinalización e dos paneis informativos de diferentes puntos de interese, como son, ademais das rutas de muíños, a Cuna da Moura de Combarro , os miradoiros de Loureiro, Tartaruga e Campanario ou a Variante Espiritual do Camiño Portugués.