Poio lembra que está prohibido o acceso a Tambo sin permiso


O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), lembra que a día de hoxe está prohibido o acceso á Illa de Tambo se non se conta coa autorización correspondente. O edil do Goberno local, ademais, adianta que se procederá a habilitar un balizamento nas proximidades dos areais da illa e lembra que xa está activo un sistema de vixía para garantir co cumprimento da medida. As persoas que non respecten a distancia no que a fondeos se refire ou vaian aos areais expóñense a fortes multas económicas.

Agís lembra que este ano só se poderá acceder a Tambo a través de visitas guiadas. Actualmente o Concello ten moi avanzadas as tramitacións para a organización destas excursións, que, tal e como indica o concelleiro socialista, “darán comezo en breve”. O titular de Urbanismo e Promoción Económica apela, ademais, á concienciación cidadá á hora de respectar unha paraxe que “por riba de todo temos que respectar e coidar, ao mesmo tempo que se consolidar como un reclamo turístico”. É por iso polo que Gregorio Agís salienta que estas medidas teñen como obxectivo velar pola seguridade, ao mesmo tempo que se busca consolidar a protección ambiental deste espazo e a preservación do seu patrimonio. “En Tambo existen espazos naturais, dunas e especies vexetais protexidas e debemos velar polo seu mantemento”, recalcou o dirixente municipal.

“No Concello somos perfectamente conscientes do interese que suscita a Illa de Tambo. Por iso, traballamos para garantir un sistema de visitas que permita á cidadanía coñecer a fondo a illa, sen que iso repercuta na súa conservación”, conclúe Gregorio Agís, que tamén recorda que a normativa actual marca que os fondeos de embarcacións deben respectar unha distancia de 200 metros con respecto á illa.