Paços de Ferreira interésase polo modelo urbano de Pontevedra


Unha delegación de Paços de Ferreira (Portugal)visitou a cidade de Pontevedra interesada no modelo de cidade e nas características propias do urbanismo e a mobilidade nab cidade. O presidente da Cámara Municipal, Humberto Brito, xunto con diferentes técnicos e responsábeis políticos portugueses, puido coñecer de primeira man os resultados obtidos na Boa Vila ao longo destas décadas. A comitiva foi recibida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e recibiu unha sesión informativa e divulgativa do modelo da man do director xeral de Mobilidade, Jesús Gómez Viñas.

A continuación, foi realizada un visita a pé de rúa por diferentes zonas da cidade, para ver e comprobar os resultados, ademais de coñecer en primeira persoa algunhas das medidas tomadas que poden servir de inspiración á hora de implantalas noutros lugares do mundo. Neste caso, foi o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, o encargado de guiar este paseo.

O rexedor da cidade sinalou que sempre estará «encantado» de recibir visitas desta clase, lembrando que son «moitos» os presidentes das cámaras de Portugal que queren coñecer a vila e que mesmo existe unha asociación entre cidades, de recente creación, moi semellante á de Cidades que Camiñan, da que Pontevedra forma parte e preside na actualidade.

Pola súa banda, Brito sinalou que foi toda unha sorte visitar a cidade e coñecer deste xeito todo o traballo realizado en favor da mobilidade sostíbel e dos peóns. «É unha cidade innovadora á hora de favorecer as persoas por riba dos coches», explicou. «Nós estamos nun proceso tamén de transformación da cidade polo que queremos devolverlle o espazo público ás persoas, polo que é unha experiencia moi positiva ver dun xeito tan directo, os resultados dun proceso deste tipo».

O presidente da cámara portuguesa indicou que unha das cousas que máis lle chamou a atención da Boa Vila foi a cantidade de xente que está na rúa gozando desta, sexa paseando, falando ou calquera outra actividade; sempre con tranquilidade e dun xeito seguro, «é algo que me xera unha sensación agradábel e que me emociona».