Ourense pide prudencia nas instalacións termais pola vaga da calor




O Concello de Ourense recomenda prudencia no uso das instalacións termais durante a vaga de calor. Desde a Concellería de Termalismo lémbrase á cidadanía que as autoridades sanitarias recomendan non realizar actividades ao aire libre nas horas máis críticas de calor.

A Concellería de Termalismo que dirixe Flora Moure pide, polo tanto, precaución nesta actividade e respecto nos tempos de uso das instalacións, coa fin de evitar problemas de saúde aos usuarios.

O Concello de Ourense lembra as recomendacións á cidadanía da Consellería de Sanidade: Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a vinte.

Aínda que estas recomendacións son para a poboación en xeral, terase que extremar a precaución nas persoas con risco de ter mais episodios adversos relacionados coa calor, como son os nenos e nenas menores de cinco anos, as persoas de idades avanzadas e as persoas con enfermidades crónicas: cardiocirculatorias, respiratorias, renais, mentais, diabetes, hipertensión arterial e obesidade.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sós, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.