Ourense da luz verde á construcción do parque acuático termal


A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou os expedientes para contratar as obras do proxecto de demolición do matadoiro municipal, por importe de 933.401,80 euros, e as de mellora da accesibilidade na rúa Alameda do Cruceiro, por importe de 427.853,50. Nos dous casos, apróbanse tamén os pregos de condicións para adxudicar, mediante procedemento aberto, a execución dos traballos.

Son “dous proxectos importantísimos para a cidade”, manifestou o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen avanzou que ambas as contratacións licitaranse nas próximas horas coa previsión de que as obras comecen en aproximadamente 3 meses. O primeiro dos proxectos é a demolición do antigo matadoiro municipal, actualmente sen uso, situado no Campo da Feira: “un esperpento arquitectónico, que imos demoler para construír o parque acuático termal da cidade, cuxo proxecto se está rematando”, asegurou o alcalde, quen adianta que o novo equipamento termal será “único en todo o Sur de Europa”.

Por outra banda, o proxecto do ascensor á Alameda do Cruceiro forma parte do plan Ourense vertical, que desenvolve o Concello coa finalidade de favorecer a mobilidade e a accesibilidade peonil naquelas contornas urbanas que polas súas características o necesitan. Neste caso, explica Pérez Jácome, será coa construción dun ascensor que comunique a rúa do Progreso coa rúa Concello, na zona da Alameda do Cruceiro, nuns espazos que actualmente se comunican a través dunhas escaleiras que condicionan a mobilidade para aquelas persoas que desexan ir cara ao Parque de San Lázaro ou cara ao centro sanitario da rúa Concello. “Favorecemos a accesibilidade, sobre todo da xente maior”, explica o rexedor que prevé que as obras se poidan licitar en breve e comezarán a executarse en outubro.