Ourense avanza no proxecto para contar cun balneario antes de 2027


A sala de xuntas do Pazo Provincial acolleu unha reunión de traballo para avanzar na conversión da actual sede da Deputación no gran hotel balneario de Ourense. Un encontro que, segundo anunciou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, permitiu concretar dous posibles espazos para o traslado provisional dos servizos provinciais -o antigo Pazo de Xustiza, na praza de Concepción Arenal, e a delegación de Sanidade da Xunta, na avenida de Zamora- e descartando o traslado da administración provincial á vella cárcel.

Ademais, neste encontro de traballo deuse o visto bo ao inicio da redacción do proxecto e confirmouse a calidade mineromedicinal das augas. "Novos pasos pero sempre sen perder de vista o obxectivo máis importante, que é contar antes de 2027 cun balneario de referencia en Europa", declarou o presidente ao remate da reunión.

Na xuntanza, a segunda celebrada este ano trala convocatoria de febreiro, tamén participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; a concelleira de Urbanismo do Concello de Ourense, Sonia Ogando; o responsable do proxecto do balneario, Mario Crecente; os técnicos da administración provincial Mónica Legaspi, Juan Marquina, Eva Reza e Javier de Anta.

Polo que respecta ao traslado provisorio dos servizos situados no Pazo Provincial, na reunión concretáronse as xa mencionadas dúas posibles localizacións: o antigo Pazo de Xustiza, na praza de Concepción Arenal, e a delegación de Sanidade da Xunta de Galicia, na avenida de Zamora. Dous inmobles que segundo explicou Manuel Baltar, "reúnen os 3.000 metros cadrados de superficie necesarios para que a actividade administrativa da Deputación funcione a un nivel óptimo". O traslado ás futuras instalacións provisionais calcúlase que podería realizarse ao longo do segundo semestre do 2023.

Ademais de acordar o inicio do procedemento para contratar a redacción do proxecto básico do hotel balneario, por un importe de 251.000 euros, na xuntanza presentouse un novo informe sobre as medicións e análises mensuais que se realizan na captación situada nun dos patios interiores da Deputación, co fin de conseguir a preceptiva declaración de auga mineiro medicinal e termal. Un documento que "arroxa uns resultados tremendamente positivos e confirman a idoneidade e calidade mineromedicinal das augas", subliñou o presidente.

O informe sinala que no presente mes de xuño recolleuse a quinta mostra das augas para a súa análise físico-química nun laboratorio acreditado e sempre coa presenza de técnicos da Consellería de Industria para levantar acta da mostraxe. Os resultados dispoñibles na actualidade confirman que o manantial ten unhas características "moi homoxéneas correspondentes a augas termais", cunha temperatura que alcanza ata 41,8 graos, con ausencia total de contaminación, de orixe profunda e cun tempo de permanencia no subsolo de entre 25.000 e 30.000 anos. Unha vez rematado o proceso de declaración das augas, que inclúe a recollida de sete mostras máis ata completar un período de 12 meses, e obtida a cualificación de augas mineiro medicinais e termais por parte da Consellería de Industria, iniciarase o expediente de aproveitamento das mesas.

O proxecto impulsado polo presidente da Deputación para dotar a Ourense dun hotel balneario de referencia en Europa ten como aval a captación termal realizada nun dos patios interiores do Pazo Provincial, onde se atopou un acuífero cun caudal de 3 litros por segundo, a unha temperatura de 41,6 graos e cun contido en sales minerais propio das augas termais de Ourense. Un caudal máis que suficiente para que a actual sede da administración provincial, un inmoble construído a finais do século XIX e declarado Ben de Interese Cultural en 1975, convértase nun establecemento hoteleiro de 5 estrelas cunha ampla oferta termal, a escasa distancia dun dos emblemas da cidade como As Burgas e na contorna da área comercial e o casco vello da cidade.

Auria, en homenaxe á cidade na que Eduardo Blanco-Amor ambientou as súas obras, é o nome proposto para o futuro hotel balneario, no que se habilitarán entre 52 e 71 habitacións con seis tipos de aloxamentos. Os patios interiores estarán cubertos con solucións tecnolóxicas e reversibles para protexer do sol o interior e captar enerxía, incluíndo na zona norte unha gran piscina de inspiración romana rodeada por un circuíto balneario, mentres que na área sur habilitarase un espazo polivalente para acoller unha ampla variedade de eventos ou empregarse como terraza cuberta do restaurante e do hotel.