Oferta "potente" de Pontevedra para ser capital gastro en 2023




O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, garantiulle ao director xeral de Capital Española da Gastronomía (CEG), Pedro Palacios, que a cidade do Lérez presentará unha proposta “potente” para converterse en CEG 2023. Esta forte aposta e convencemento do rexedor municipal para conquistar dito galardón, impulsado pola Federación Española de Xornalistas e Escritores de Turismo, foille transmitida a Palacios no marco dunha recepción que tivo lugar no Concello e na que tamén participaron a directora do proxecto Pontevedra Capital Gastro, Elena Vitoria, e a súa colaboradora Marga Pazos (ámbalas dúas responsables da firma Carta Blanca).

Pontevedra terá que presentar o seu proxecto antes do 1 de outubro, dándose a coñecer o nome da cidade gañadora o 18 de novembro. Tal e como sinalou Fernández Lores durante a comparecencia posterior ao encontro con Pedro Palacios, “a nosa cidade é un referente en moitas cousas, pero con toda a sinceridade e humildade, tamén o somos en gastronomía, en toda Galicia e especialmente nas Rías Baixas, por moitas razóns, comezando pola calidade das materias primas, a potencia da súa restauración, con Estrellas Michelin e co Grupo Nove, e unha tradición de moitos anos de comida tradicional”.

“A nosa experiencia na organización de importantes eventos deportivos internacionais dinos que a xente que vén a Pontevedra por ese motivo, repite, e un dos motivos polos que repite é porque temos unha altísima calidade de restauración, cun prezo máis razoable que outras localizacións. Calidade pois dos produtos, calidade dun sector que está a mellorar moitísimo, calidade do viños, e atractivo do clima das Rías Baixas e da provincia de Pontevedra en xeral. Ademais, se vés a Pontevedra a comer tamén tés moitas outras cousas que ver: o río Lérez, as praias, o Centro de Interpretación de Arte Rupestre de Campo Lameiro, o patrimonio do Románico e o Gótico…”, subliñou o alcalde.