Ocupación hoteleira completa na Coruña polas festas de María Pita


O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, presentou o concerto de James Blunt que inaugurará as Festas de María Pita. Será o primeiro do ciclo "Noites de María Pita", que incluirá 11 concertos de destacados artistas. Borrego sinalou que o programa deste ano é dos máis completos da historia das festas coruñesas, deseñado especialmente para a dinamización da cidade tras a recuperación total da presencialidade e coas "enormes ganas do público de gozar de espectáculos de alta calidade".

No acto estiveron presentes a directora xeral de Turismo, Nava Castro, xunto con Raquel Seijo, representante da promotora Sweet Nocturna. O tenente de alcalde salientou a colaboración da Dirección Xeral de Turismo e a súa aposta pola Coruña no seu ciclo de concertos do Xacobeo, o que demostra que "a cooperación institucional ten como gran beneficiaria á cidadanía, que poderá gozar de espectáculos de altísimo nivel como o de James Blunt". Engadiu que "é un privilexio poder contar con este artista británico nas nosas festas, e que A Coruña forme parte do itinerario da súa xira por Europa, ademais de balde e na nosa praza máis emblemática".

A respecto da programación das festas que comezan o próximo luns, Juan Ignacio Borrego sinalou que é moi ambiciosa e diversa, e encherá a cidade de música, teatro, arte e propostas de ocio para todos os públicos, coa vocación de integrar os barrios e "celebrar a actividade cultural en todo o seu esplendor".

Ademais das 'Noites de María Pita', o tenente de alcaldesa destacou as actividades máis potentes do programa como o emblemático Festival Noroeste Estrella Galicia, ademais das festas nos barrios, a programación familiar, fondas tradicións como o Festival Internacional de Folclore ou o Certame de Habaneras, eventos deportivos, o Salón do Cómic, que cumpre 25 anos como referente da banda deseñada, e outras moitas propostas que encherán o mes de agosto de alternativas culturais e de lecer tanto para a cidadanía como para os miles de visitantes que elixen cada verán A Coruña para pasar as súas vacacións.

O tamén concelleiro de Turismo sinalou que se trata dun programa "pensando en todos e en todas", na aposta do Goberno municipal polo turismo cultural como un dos eixos fundamentais da estratexia de recuperación de sectores moi castigados pola pandemia como os operadores turísticos, hostalaría, comercio, programadores, produtores e xestores culturais, artistas, técnicos, provedores ou salas de concertos.

Juan Ignacio Borrego tamén fixo fincapé na aposta do Goberno de Inés Rey polo turismo musical, dado o seu enorme potencial nunha cidade de fonda tradición cultural e de lecer como é A Coruña. Neste sentido, destacou que unha proba do impacto que ten a programación cultural no ritmo de visitas á cidade e que durante toda a primeira semana de agosto xa se superou o 90 % das reservas hoteleiras na cidade: "Son cifras que refrendan que o dinamismo da Coruña na oferta de lecer é un reclamo de primeiro orde para a captación de visitantes", indicou o concelleiro.