O Mercado Medieval de Alfoz dinamiza o turismo na Mariña


Un grau máis na dinamización do turismo na Mariña. Así se pode definir o Mercado Medieval de Alfoz que se celebra este fin de semana no concello mariñán. A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas da corporación provincial lucense, Mayra García Bermúdez, destacou que a Deputación apoia un ano máis este encontro coa historia cunha achega de 7.500€ a través do Plan Único. “Dende a Deputación, imos colaborar sempre cos concellos en iniciativas coma esta, que poñen en valor o noso rural, as nosas tradicións”, apuntou Mayra García, que estivo acompañada polo alcalde, Jorge Val Díaz, e polo pregoeiro, Pedro Raimunde Figueira.

Mayra García subliñou que “festas como o Mercado Medieval de Alfoz axudan, ano tras ano, a consolidar a comarca da Mariña e o conxunto da provincia de Lugo como un dos destinos turísticos preferidos, tanto polos visitantes nacionais como internacionais”. Trátase, asegurou a Deputada, dunha “fermosa cita coa nosa historia, coa nosa cultura, que serve, ao mesmo tempo, para impulsar o noso futuro porque, sen dúbida, a gran cantidade de xente que atrae o Mercado, dinamiza a actividade económica deste concello, da hostalería, do comercio e do turismo”.

O Mercado Medieval reúne música en vivo, bufóns, espectáculos de circo, exposicións e a entrega de medallas. A cita coa historia en Alfoz é unha das máis antigas da provincia e este ano suma ao programa a Queima da Fachada do Castelo de Castrodouro, que terá lugar mañá sábado, ás 23:00 horas, poñendo o broche final a dous días cheos de actos.