O Festival Bal y Gay, cita turística clave da música culta en 8 concellos de Lugo


A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou en Foz na presentación dunha nova edición do Festival Bal y Gay, unha cita que a institución provincial lucense impulsa cunha achega económica de 12.000€ como referente cultural e turístico na provincia. A programación celebrarase do 12 ao 24 de agosto en oito concellos da Mariña.

No acto tomaron parte o alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Francisco Cajoto; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez; o presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeras, e a directora do Festival Bal y Gay, Alba Rodríguez.

Pilar García Porto puxo en valor este evento musical que “xa é unha cita fundamental na oferta turística da provincia de Lugo”. “Polas súas características e pola súa itinerancia por distintos concellos, ten capacidade para atraer un turismo cultural que está plenamente integrado no modelo que impulsamos dende a Deputación: de calidade, sostible, de experiencias e que pon en valor o noso patrimonio”.

A novena edición do festival, Música á beira do mar, contará cunha programación máis ampla de concertos, obradoiros e actividades para toda a familia que o ano pasado e percorrerá os concellos de Viveiro, Foz, Lourenzá, Cervo, Mondoñedo, Ribadeo, Barreiros e A Pontenova.

A programación deseñada para este ano permitirá que o público que se achegue ata a Mariña goce de artistas de primeiro nivel en escenarios cun alto valor artístico. “O Festival Bal y Gay é unha cita obrigada para músicos internacionais de prestixio e tamén un campus de excelencia, no que os intérpretes máis novos poden aprender de expertos que veñen das mellores orquestras do mundo”, explicou a Deputada.

Felicitou tamén á Fundación Bal y Gay, organizadora da cita, polo seu traballo nos distintos proxectos levados a cabo, así como por presentar “un programa máis ambicioso, que chegará a máis espazos e que converterá á Mariña na capital da música clásica durante dúas semanas”, recalcou.

O 12 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, a Real Filarmonía inaugurará con obras de Xosé Bal y Gay e Beethoven a novena edición deste festival. Ao día seguinte será o Cuarteto Armida o que poña música no Pazo do Conde Fontao a través das pezas de Bach, Nikodijevic e Mozart. A Igrexa de Santiago de Foz acollerá o 14 de agosto o concerto do contratenor, Carlos Mena, e o 17 de agosto será o Dúo del Valle o que faga soar a Mozart e Schubert na Fábrica de Sargadelos, de Cervo. Andreas Prittwitz soará na Finca A Goleta o 18 de agosto.

A pianista Elisabeth Leonskaja interpretará tres sonatas de Beethoven no Auditorio Hernán Naval, de Ribadeo, o día 21. Mondoñedo acollerá, no auditorio Pascual Veiga, o concerto do violonchelista Pablo Ferrández, que acaba de ser galardoado co Opus Klassik Award ao novo Artista do Ano, tras a publicación do seu primeiro álbum. O Cuarteto Quiroga volverá soar nesta cita musical o día 23 de agosto na Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, e será a Orquestra Sinfónica de Galicia, con Lucas Macías como director e Serena Saenz de soprano, os que pechen este programa musical na Catedral de Mondoñedo o día 24 de agosto.

Esta edición conta con tres concertos extraordinarios, dous da man de Títeres Etcétera dirixidos ao público infantil, en Ribadeo e Foz o 15 e 16 de agosto, e Skirion, o 19 de agosto, en Barreiros e Vilanova de Lourenzá.