O Craega volve a Biofach


O binomio feiral composto por Biofach, a feira comercial líder no mundo de alimentos eco, e Vivaness, feira comercial para o coidado persoal e ecolóxico, regresa ao Centro de Exposicións de Núremberg (Alemaña) do 26 ao 29 de xullo, onde os visitantes coñecerán todas as novidades e tendencias do sector ecolóxico, ademais de compartiren información e coñecementos.

Como é habitual, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) estará presente neste evento internacional, ao que leva asistindo desde o seu comezo e, tras o parón da pandemia, este ano volverá con máis ganas para promover os produtos co selo ecolóxico de Galicia. Nesta ocasión, baixo o seu paraugas asistirán os seguintes operadores: LactoBaltar, AviLugo, Camoco Foods, Connorsa, Refix, Conservas Ortiz, Mieles Anta e Porto-Muíños.

De maneira presencial, os expositores, os visitantes e os representantes de medios de comunicación estarán en contacto cunha ampla gama de innovacións e,de xeito online, o sector tamén poderá beneficiarse das representacións dixitais das gamas de produtos dos expositores, empregar as ferramentas de comunicación e establecer contactos máis aló do evento físico.

Entre as principais novidades desta edición, salienta a plataforma especial dedicada aos agricultores: o novo foro da agricultura. Outorgarase o premio ao mellor produto novo en sete categorías e o Hot Brands proporcionarallesás persoas interesadas información sobre as as últimas tendencias. Así mesmo, presentaranse 32 novas empresas da industria alimentaria no pavillón Innovación made in Germany. Os envases terán especial protagonismo, xa que se potenciará o concepto de residuos cero e “sen envase” no escaparate de alimentos a granel unverpackt.