O concerto de Rosalía atraerá á Coruña máis de 8.000 visitantes


A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe no Coliseum da Coruña o concerto da artista Rosalía, que terá lugar o vindeiro venres, 29 de xuño, nese espazo cultural. No acto participaron tamén Raquel Seijo, xerente de Sweet Nocturna, e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor.

Na súa intervención, Rey destacou que o feito de que a artista española con maior proxección internacional integre A Coruña na súa xira 'Motomami Tour' pon de manifesto que a cidade é "un referente nos circuítos das grandes figuras nacionais e internacionais", na que o epicentro das grandes citas musicais é precisamente o Coliseum. Lembrou tamén que hai uns anos Rosalía xa visitara A Coruña nun escenario moito máis reducido, no Castelo de San Antón. O recital enmarcárase no programa do Noroeste Estrella Galicia, o que demostra o potencial deste festival como plataforma para figuras emerxentes.

"A Coruña é un valor seguro, podemos presumir dun público local entusiasta e fiel, e ao mesmo tempo dunha gran capacidade para captar turismo atraído, entre outros activos, pola nosa intensa e diversa oferta cultural", subliñou Inés Rey, para engadir que proba do potencial que ten o turismo musical para a cidade é, por exemplo, o feito de que a ocupación dos hoteis da cidade están ao 90 por cento nas reservas previstas para a fin de semana que vén. Ademais, destacou que "Rosalía vai encher unha capacidade con preto de 9.000 persoas, e nada menos que o 90 por cento das entradas despacháronse fóra da nosa cidade".

A alcaldesa engadiu que estas cifras son resultado dunha política cultural que combina a dotación de espazos, contidos e propostas dirixidas aos coruñeses e coruñesas de forma sostida e permanente, coa xeración dunha oferta de primeiro nivel que atraia tamén a público chegado de toda España, como é o caso do que se agarda para a artista española máis internacional do momento. Outro dato salientable é que o 64% das persoas que estarán no concerto o vindeiro venres son de fóra de Galicia, procedentes de diversos puntos de España como Sevilla, Bilbao ou Gran Canaria.

Para Inés Rey, o poder de convocatoria de grandes concertos como o de Rosalía estriba no nivel deste tipo de montaxes, "con artistas dunha calidade extraordinaria, espectaculares postas en escena e recursos audiovisuais sorprendentes" que as converten en toda unha experiencia, que vai máis alá dun concerto. Trátase de grandes apostas para as que a cidade da Coruña está preparada, grazas á súa "capacidade, coñecemento e infraestruturas", tal como salientou a alcaldesa, que citou casos como o recente Morriña Fest, realizado no Estadio de Riazor ou o Festival Noroeste, que se realizará na praia e en nove escenarios emblemáticos, repartidos por toda a cidade.

Aludindo ao propio Coliseum, destacou citas recentes como os concertos de Van Morrison, C. Tangana ou Joan Manuel Serrat, cos que se confirma a aposta do Goberno municipal pola recuperación do pulo da cidade da Coruña como unha das capitais da música do norte peninsular.

A alcaldesa rematou a súa intervención reflexionando sobre o papel da cultura como indicador á hora de medir o desenvolvemento social e económico dun territorio, e destacou que "cultura é sinónimo de progreso", polo que "sempre será unha aposta prioritaria na nosa folla de ruta como Goberno".

Este concerto enmárcase na importante aposta do Concello da Coruña polas grandes citas musicais en numerosos espazos da cidade como o Coliseum da Coruña, que continuará abrindo as súas portas a outros/as destacados/as artistas do panorama nacional e internacional durante o ano 2022. Entre eles destaca proximamente o de Simple Minds, o próximo mércores, 27 de xullo, así como os de Leiva, Malú, Melendi, Dani Martín ou Antonio Orozco nos próximos meses.