O cociñeiro Xoanqui Ameixeiras, pregoeiro das Festas de Vilagarcía




O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, presentaron as Festas de San Roque 22, un programa que, tras dous anos de restricións pola pandemia, regresa coa máxima potencia para saciar as ansias de festa dos vilagarciáns e cun pregoeiro “que é dos nosos”, o popular cociñeiro, Xoanqui Ameixeiras. O rexedor salientou a volta á programación dos eventos multitudinarios como a Festa da Auga ou Combate Naval, “partes esenciais das nosas Festas de Interese Turístico Nacional”, e a cantidade e calidade das actividades incluídas “para que poidamos resarcirnos do sacrificio que nos supuxo ter que prescindir durante tanto tempo de boa parte do noso ocio”.

Aínda que as Festas de San Roque propiamente ditas desenvolveranse entre o 11 e o 21 de agosto, a programación lúdica e cultural esténdese durante dous meses. Comeza esta fin de semana coa Noite das Meigas e remata a mediados de setembro co Festival das Revenidas. E polo medio, eventos como a Semana de Cine, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, numerosos eventos deportivos, o Festivala, o Ameixa Rock ou o Folk no Alobre, entre outros. O alcalde referiuse a este aspecto para asegurar que “poucas cidades de Galicia e incluso de España poden presumir de ter unha programación lúdica e cultural cunha oferta tan ampla como a que temos en Vilagarcía, e non só en verán, senón durante todo o ano”.

Varela reiterou a mensaxe de que as de San Roque son “as festas de todos e para todos”, por iso inclúen actividades pensadas para os distintos públicos, tanto tendo en conta as idades como a variedade de gustos. Nesta mesma liña tamén lembrou o carácter inclusivo da celebración, “con actividades que se traducirán á linguaxe de signos”, empezando polo propio pregón.

Centrándose na semana grande das festas patronais, a concelleira de Cultura comezou referíndose ao cociñeiro Xoanqui Ameixeiras, “unha persoa moi coñecida e moi querida, que non naceu na nosa vila, pero que é un vilagarcián por elección e de adopción, que xa hai moitos anos fixo de Vilagarcía a súa casa e que de seguro nos vai a deleitar cun pregón moi saboroso”.