O barrio lugués da Tinería acolle o xoves un entroido de verán


O barrio da Tinería acollerá o xoves, 21 de xullo, de 11:00 a 23:30 horas, na Praciña Recanto do Miño, un entroido de verán, con actuacións musicais, actividades infantís, obradoiros de maquillaxe e caracterización, así como un concurso de disfraces. A iniciativa, enmarcada no movemento Localmente Lucense, promovido polo Goberno de Lara Méndez, ten como obxectivo dinamizar este barrio emblemático da capital luguesa.

Así o avanzou a alcaldesa, quen subliñou que “esta actividade súmase ás accións de dinamización específicas para o desenvolvemento económico e social do barrio da Tinería, que puxemos en marcha dentro do Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial, e co que estamos a impulsar tanto este viveiro de empresas municipal como o do CEI Nodus”.

A festa temática deste xoves incluirá un certame dotado de 875 euros en vales para gastar en establecementos aheridos ao movemento Localmente Lucense. “De modo que tamén servirá para fomentar as compras e o consumo nos establecementos comerciais e de hostalería da cidade”, engadiu a rexedora.

Para participar neste certame será necesario inscribirse no formulario de “Concurso de Entroido de Verán” na páxina www.localmentelucense.gal ata o día 20 de xullo ás 12.00 horas ou inscribirse presencialmente no stand Localmente Lucense (situado na Rúa Tinería, nº 36) en horario de 12:00 a 14:00 horas.

O día do desfile os participantes deberán presentarse no stand Localmente Lucense para confirmar os datos de inscrición unha hora antes do desfile. As persoas participantes terán que asistir disfrazados e/ou caracterizados e poderán participar en tres modalidades: comparsa, parella ou individual. Calquera menor de idade pode ser inscrito sempre que estea acompañado por un adulto maior de idade.

Unha vez finalizado o desfile, o xurado deliberará para repartir un total de 875€ en vales de compra que se poderán gastar só en establecementos adheridos ao movemento Localmente Lucense. Haberá un premio á mellor comparsa, dotado de 500 euros; un premio á mellor parella, dotado de 250 euros; e un premio ao mellor disfraz individual, dotado de 125 euros.