O Arreeiro recomenta vixiar as viñas e seguir coas podas en verde


A Estación Fitopatolóxica do Areeiro da Deputación de Pontevedra vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella seguir vixiando as viñas e continuar coas labores culturais de podas en verde, esfollados e rozas para facer fronte ao mildio. Segundo Areeiro a situación observada esta semana semella máis tranquila que a anterior aínda que advirte que se teñen detectado manchas novas nas follas máis tenras e tamén predios onde a enfermidade aínda non estaba contida.

No caso de ter que aplicar un tratamento contra o mildio, o persoal técnico do centro da Deputación aconsella empregar un funxicida con diferente modo de acción. Pola contra, desaconsella tratar cada 3-4 días e/ou con mestura de funxicidas e/ou con doses maiores das máximas recomendadas, xa que os tratamentos poden ter menor eficacia contra o midlio e poden provocar que o patóxeno se volva resistente aos mesmos.

En canto ao oídio, esta semana tense atopado en varias viñas sobre acios de albariño e de tintas, así como en acios de plantas abandonadas doutras variedades en teoría resistentes. Neste último caso, ademais, tense detectado dunha forma moito máis agresiva. Por iso Areeiro recomenda a aplicación dun tratamento contra o oídio nos casos en que o período de protección do tratamento anterior teña finalizado.

No que respecta ao black rot as condicións meteorolóxicas e o estado fenolóxico da viña seguiron sendo favorables á enfermidade. Areeiro ten observado acios que xa empezaban a presentar o momificado dos grans, tanto nas viñas tratadas coma nas abandonadas sen tratar. O centro dependente da Deputación recomenda empregar, nas zonas onde hai constancia do patóxeno, tratamento antimildio e/ou antioídio con funxicidas para o black rot, procurando usar produtos con modos de acción diferentes.

Pola súa banda, non aconsella tratar contra os cicadélicos e, aínda que son máis aparentes e significativos os síntomas de erinose de verán, aínda non supoñen danos. Sen embargo, Areeiro ten rexistrado un maior número de capturas de machos de segunda xeración de Lobesia botrana de tal xeito que aconsella para a semana aplicar un tratamento contra as avelaíñas do acio segundo as directrices de control integrado, sempre que tamén se supere o limiar de tratamentos por presenza de síntomas nas uvas.

No que respecta ao moteado da maceira, o persoal do centro dependente da Deputación de Pontevedra aconsella renovar os tratamentos en caso de estar fóra do período de protección do último realizado. Nas variedades máis precoces haberá que elixir un funxicida cun curto prazo de seguridade que é obrigado respectar.

En canto á avelaíña da mazá o Areeiro recomenda manter as plantas permanentemente protexidas, con trampas para facer o seguimento da poboación. No caso de superar o limiar de dous adultos por trampa e semana, o persoal do centro aconsella aplicar un tratamento sempre respectando o prazo de seguridade do insecticida empregado nas variedades máis precoces.