Novos achádegos reforzan o interés turístico do castro de Elviña


O Concello da Coruña rematou os traballos de sondaxe no castro de Elviña, que se realizaron entre o 27 de xuño e o 15 de xullo. A intervención contou cun equipo técnico de dez persoas e oito alumnos/as en prácticas dos graos de Historia e Historia da Arte e do Máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC. Baixo a dirección de Samuel Nión Álvarez, o equipo realizou dúas sondaxes na ladeira sueste do castro de Elviña, co obxectivo de coñecer máis información sobre dous elementos presentes no xacemento.

A primeira centrouse en identificar a posición dun posible elemento antropomorfo, concluíndo a súa recente posición e descartando que ese fose o seu lugar inicial. No caso da outra sondaxe, as intervencións centrábanse no espazo coñecido como "túmulo", unha estrutura indeterminada situada na ladeira sueste do castro de Elviña. Este xacemento xa era coñecido dende as primeiras escavacións dos anos 40 e 50, dirixidas primeiro por Luis Monteagudo e por José María Luengo despois. Pouco se sabía desta estrutura ata o día de hoxe, máis alá do seu carácter anómalo na contorna dos castros en Galicia, xa que parecía contar cunha aliñación de pedras particularmente habitual no mundo galo-bretón. As sondaxes arqueolóxicas permitiron confirmar a existencia desta delimitación de pedras de gran tamaño, asentadas e estruturadas de forma intencional, definindo unha planta máis ou menos circular. A esta delimitación débeselle engadir un novo aliñamento de pedras que discorre pola parte interior, cuxo final non foi identificado, pero que podería abranguer toda a parte interna do "círculo".

Ademais, desde o 20 de xuño ata o 15 de xuño, tamén se realizaron labores de restauración dos restos arqueolóxicos da entrada suroeste do castro de Elviña, tamén coñecido como o torreón, exhumados durante as campañas realizadas nos anos 2020 e 2021. O torreón constitúe un dos máis importantes descubrimentos do Castro polo seu gran valor histórico e patrimonial. Na exhumación os equipos atoparon, entre outros elementos, unha bala da batalla de Elviña (1809), un anaco de lousa do século XIX e unha moeda datada do século II, no que se pode ver a imaxe de Faustina a menor, esposa do emperador Marco Aurelio.

Nos traballos de restauración participaron varios profesionais da arqueoloxía, seis arqueólogas e arqueólogos e dúas restauradoras, baixo a dirección de Simón Pena Basso e a cargo da empresa Árbore Arqueoloxía. O obxecto deste proxecto consistiu na restitución do lousado da entrada, a consolidación dos lousados orixinais, a restauración da torre oeste e a escavación dos derrubamentos non extraídos en campañas anteriores. Esta campaña culmina o resultado das últimas tres campañas de escavación realizadas neste sector e financiadas polo Concello, no que se exhumou a totalidade do sistema de acceso dun camiño pavimentado en excelente estado de conservación.

O resultado destes traballos permite que os visitantes do xacemento poidan apreciar unha entrada complexa e monumental, duns trinta metros de lonxitude, que contaba con ata catro portas de acceso. Tanto a anchura do seu percorrido como o sistema construtivo están adaptados ao tránsito de carros, aspecto que quedou fosilizado pola presenza de pegadas de rodeiras. As construcións que configuran esta entrada estaban en uso na Idade do Ferro, antes da conquista de Roma, posiblemente desde o século II a.C.. Os arqueólogos constataron que o lousado desta entrada chegaba ata un camiño que unía o pobo de castro de Elviña con Mesoiro, o que abre a posibilidade de que teña uns 2.000 anos de antigüidade.

Este 2022 cúmprense 75 anos da primeira escavación no castro de Elviña. Con motivo da data, dende o departamento de Cultura do Concello da Coruña ten prevista unha exposición baixo o título "75 anos de escavacións en Elviña: do castro á cidade", que comezará o vindeiro 16 de agosto. Trátase dunha exposición que recolle as diferentes intervencións arqueolóxicas que se levaron a cabo no castro, así como da historia do emblemático xacemento.

Ademais, durante os meses de verán é posible realizar visitas gratuítas ao castro de Elviña, para que as persoas que o desexen poidan coñecer a súa historia. Ata o mes de setembro incluído, as visitas guiadas están programadas para todos os sábados e domingos ás 12.00 h. As visitas son en grupo e dispoñen dun total de 25 prazas por grupo, polo que é preciso a inscrición previa no teléfono 981 189 850.

O castro de Elviña supón un dos grandes atractivos turísticos da cidade polo seu valor patrimonial e cultural e achega unha gran parte da historia ártabra á Coruña. Coas diferentes intervencións no xacemento, o Goberno de Inés Rey continúa avanzando na estratexia de converter o castro de Elviña nun gran parque cultural a disposición da cidadanía coruñesa, como símbolo das orixes do termo municipal.