Melloras por 160.000 euros na praia carballesa de Razo


A Xunta de Goberno de Carballo vén de adxudicar á empresa Jardinería Arce, por 164.064,57 euros, as obras de substitución da pasarela e das ramplas de madeira do paseo da praia de Razo, que conta con bandeira azul, é unha das emblemáticas da costa coruñesa e está conectada coa de Baldaio. O acordo adoptado pon fin a un proceso administrativo iniciado xa no ano 2021, coa elaboración do proxecto no mes de setembro e a súa remisión aos organismos competentes ao mes seguinte, e permite acometer as necesarias obras nun dos principais encraves turísticos do noso concello.

A tardanza das administracións estatal e autonómica en contestar foi a principal causa da demora. A autorización da Demarcación de Costas do Estado chegou ao Concello de Carballo en marzo deste ano e a da Consellería de Medio Ambiente da Xunta, o 18 de maio. Para axilizar a tramitación, e a falta dese último informe preceptivo, o Concello de Carballo xa aprobara o 4 de maio o expediente de contratación, condicionado á esa última autorización sectorial. O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas rematou o 31 de maio, e o 16 de xuño formulouse por parte da mesa de contratación a proposta de adxudicación agora formalizada.

A empresa Jardinería Arce disporá de 4 meses de prazo, a partir da sinatura do contrato, para a execución das obras. A pasarela, que ten algo máis de 600 metros de lonxitude, foi construída entre os anos 2003 e 2005, e case vinte anos despois precisa unha reforma integral. As obras consistirán na demolición e levantado das estruturas actuais e a limpeza da zona, a reposición do borde de formigón, a instalación da nova pasarela de madeira de pino tratada, así coma das ramplas de accesibilidade. O proxecto tamén prevé o traslado das columnas de alumeado público, bandeirolas e megafonía que invaden a zona de paso e a ampliación dos cubre-contedores.

Para evitar molestias á veciñanza e ás persoas usuarias da praia durante a época de maior afluencia, os traballos empezarán no mes de setembro. Dende o Concello de Carballo pedimos desculpas por anticipado polas molestias que se poidan ocasionar e agradecemos a colaboración da cidadanía para o bo e rápido desenvolvemento das obras.