Medio Rural presenta ao Consello Agrario Galego a nova Lei da calidade alimentaria


O Consello Agrario Galego foi informado do anteproxecto da nova Lei da calidade alimentaria de Galicia, da man do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, nunha xuntanza presidida polo conselleiro do Medio Rural, José González

O citado texto -que se prevé ter aprobado este ano- recolle as diferentes novidades da futura norma, entre as que se inclúen a regulación do fomento e do desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada -coma por exemplo as denominacións de orixe-, a mellor distinción entre calidade estándar e calidade diferenciada ou a nova normativa de contratación pública de produtos alimentarios, centrada na redución do impacto ambiental.

Ademais, a nova Lei contempla a creación de dous novos órganos: o Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia. O primeiro estará formado por representantes das administracións públicas con competencias en materia alimentaria así coma das organizacións, institucións e grupos tanto públicos coma privados que son partícipes neste eido. Este será un órgano colexiado, e as súas funcións serán propoñer e asesorar nos labores, plans estratéxicos e proxectos normativos que se leven a cabo neste ámbito ademais de propoñer liñas de investigación e estudo sobre cuestións de interese para a calidade alimentaria de Galicia.

Pola súa parte, a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada estará formada por representantes de cada unha das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de Galicia, do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e das principais asociacións da artesanía alimentaria, así como da propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria e da dirección xeral competente en materia de mercados da pesca. Terá un gran abano de funcións, mediante as cales buscará asesorar á Xunta para o impulso do sector alimentario da calidade diferenciada de Galicia.

Mediante esta nova norma, a Xunta busca fomentar, potenciar e garantir a produción de alimentos de calidade diferenciada na nosa comunidade; ademais de asegurar a calidade dos produtos alimentarios producidos, elaborados ou comercializados e a súa conformidade coa normativa de aplicación. Así mesmo, tamén busca regular os consellos reguladores, as obrigas dos operadores e a actuación da inspección para mellorar a eficacia do sistema de control oficial, perseguir as prácticas fraudulentas e regular o réxime de sancións ante as ilegalidades que se cometan.