Manzaneda celebra este domingo, día 31 de xullo, a XIII edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. Unha cita de referencia que completa un fin de semana cunha intensa programación en Manzaneda, que acollerá o sábado, na Praza da Igualdade do municipio, o V Serán da Seitura e, unhas horas máis tarde na estación de montaña, coa Noite Celta.
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou este martes na sala de prensa do Pazo Provincial na presentación destes eventos, que contan co apoio do goberno provincial, a Xunta de Galicia, o Concello de Manzaneda e a Estación de Montaña de Manzaneda. Fernández estivo acompañado polo alcalde do municipio, Amable Fernández, o director da Estación de Montaña de Manzaneda, Víctor Manuel Picos, e polo director da Escola e a Real Banda de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo.
César Fernández resaltou a importancia da cooperación institucional para organizar un "fin de semana moi singular, porque combina con gran acerto a nosa cultura tradicional coa fermosa paisaxe do entorno da Estación de Montaña de Manzaneda". Por iso, "é moi recomendable gozar coa calidade dos participantes e da paisaxe", sinalou o vicepresidente antes de invitar a todos a asistir a este fin de semana, "precisamente neste verán que retomamos os eventos multitudinarios". Fernández destacou tamén o traballo de Xosé Lois Foxo á prol da cultura galega.
Un recoñecemento ao que se sumou na súa intervención o alcalde de Manzaneda, que tamén agradeceu a participación das bandas e gaiteiros no certame. Amable Fernández invitou a todos á asistencia a un evento que, o domingo, contará cunha carpa para xantar e con postos de artesanía na explanada da estación de montaña. "Recuperamos o ambiente que tiñamos antes da pandemia", sinalou o rexedor.
"É un honor acoller este fin de semana de citas culturais", resaltou o director da Estación de Montaña, que avanzou todo o seu apoio para seguir potenciando o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, o Serán da Seitura e a Noite Celta.
Pola súa banda, Xosé Lois Foxo remarcou a filosofía dun evento deseñado para a "promoción e a difusión da cultura galega". O director da Escola Provincial de Gaitas explicou que con eventos como o Serán da Seitura "queremos recuperar aqueles vellos cánticos nas memorias das nosas xentes do século XIV, e representados na escultura da cantareira Ludivina Pérez".
Foxo tamén destacou a participación dos rapaces na Noite Celta -"unha festa de alegría"- e a presenza de bandas e gaiteiros de referencia dentro do Certame do domingo. "Manzaneda é un absoluto referente da música popular galega".
Programación do sábado
A fin de semana en Manzaneda arrancará o sábado ás 18,00 horas na Praza da Igualdade de Manzaneda, coa celebración do V Serán da Seitura, enmarcada na homenaxe ás cantoras Clotilde Salgado, Consuelo López e Aquilino de Bidueira.
Nesta cita, presentada polos regueifeiros Lupe Blanco e Kike Estévez, actuarán a violinista María Rodríguez, os informantes do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terra de Trives, o grupo de acordeóns Airiños da Porta Falsa de Manzaneda, as Cantareiras da Real Banda, o Grupo A Pinguela de Manzaneda e a Real Xuvenil.
E esa mesma noite celebrarase na estación de montaña de Manzaneda a Noite Celta, a partires das 23,00 horas.
Fase final do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas
O campo de competicións de Cabeza de Manzaneda acollerá o domingo, 31 de xullo, a fase final da XIII edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.
A competición arrancará ás 11,30 horas, dentro dunha programación e inclúe o campionato de bastón de mando, o campionato de gaiteiros solistas e os concurso das bandas. Nesta fase final, participan no cuarto grao as bandas do Concello de Ríos, O Bolo e Baltar; no terceiro grao as bandas do Concello de Vilariño de Conso, Devalar do Concello de Amoeiro, Os Trintas de Trives e Aires Mineros de Matarrosa del Sil; no segundo grao, Ladies Band e Municipal de Chantada; e no primeiro grao, Castro Bergidum, Real Xuvenil e Agarimo de Catabois.