M-Clan pechará as festas de Ferrol o 31 de agosto


O concelleiro de Festas de Ferrol, Antonio Golpe, presentou o programa das celebracións que comezarán o vindeiro 20 de agosto co Festival Pop 1980 e rematarán o día 31 co concerto de M-Clan e os fogos de San Ramón, que se recuperan tras a pandemia.

O edil asegurou que “se algo caracteriza estas festas, é a gran diversidade de espectáculos e estilos”, xa que haberá música dos oitenta, pop máis actual, fusión, rondallas, indie, rock... co obxectivo de “chegar a todo tipo de públicos e que a maior cantidade posible de persoas asistan a espectáculos do seu agrado”.

Entre o elenco de artistas atópanse os citados M-Clan, xunto con Muchachito Bombo Infierno, Álvaro de Luna, Luis Fercán, Herdeiros da Crus, Natalia Lacunza, Alejo Stivel, Carlos Segarra, Javier Gurruchaga, Nacho García Vega, Rafa Sánchez, Vicky Larraz e Great Straits. Tamén haberá espazo para os grupos locais, con dous días de festival no aparcadoiro da praia de Doniños, o primeiro dos cales estará dedicado a música electrónica, e o segundo, a reggae e rock.

En canto ao público infantil, explicou que durante os 12 días sucederanse 10 espectáculos e actividades entre os que se inclúen teatro, música, cine, xogos tradicionais e unha festa da escuma. Todo elo concentrarase no parque Raíña Sofía.

O concelleiro descubriu tamén a que será a imaxe das festas. O cartel é obra do artista Gonzalo Golpe, un creador ferrolán con ampla experiencia en cine, publicidade, videoxogos, mundo editorial e creación dixital que buscou para o seu deseño a integración dun estilo máis pictórico na zona inferior, na que se suxire a vinculación de Ferrol co mar, cunha serie de figuras xeométricas na superior, que representan os fogos de San Ramón.