Esgotadas en dúas horas as prazas para agosto dos 'baños de bosque'


Os Bosques Terapéuticos seguen a amosar o seu espectacular tirón. En tan só dúas horas esgotáronse hoxe luns as 300 prazas que a Deputación de Pontevedra dispuxo para o total de 12 rutas dos baños de bosque previstas no mes de agosto en sete parques naturais da provincia. Amais, no caso da Illa de Tambo, completáronse en tan só tres minutos. En todas as rutas hai unha ampla lista de agarda de centos de persoas, o que confirma o éxito e a consolidación na súa terceira edición deste programa, que prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna, conxugada coa interpretación do patrimonio.

En concreto, en agosto haberá un total de 12 rutas, que comezarán o día 5 na Ruta da Pedra e da Auga (Meis), que tamén se visitará o día 28. O calendario complétase cos itinerarios polos Salóns do Lérez (6 e 26 de agosto); A Illa de Tambo (días 14 e 27); o Espazo Natural Río Eifonso en Bembrive-Vigo (12 e 21 de agosto); A Illa de Arousa (día 13); a Ponte Colgante do Lérez nos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade (día 19) e a Senda do Almofrei en Cerdedo-Cotobade (7 e 20).

Aínda quedarán outras 8 rutas no mes de setembro, para as que se abrirá o prazo de inscrición o 22 de agosto a través do formulario que as persoas interesadas poderán atopar na web da Deputación.