Empezan as obras para a reapertura das instalacións termais da Chavasqueira




Acaban de comezar as obras necesarias para a reapertura das instalacións termais da Chavasqueira e a súa adaptación á nova lei.

Os traballos, orzamentados en 47.474,10 euros, son os necesarios para o cumprimento da lexislación vixente, así como para implementar unha xestión eficiente e sostible do recurso termal, garantindo unhas condicións hixiénico-sanitarias acordes coa normativa legal, explica a concelleira de Termalismo, Flora Moure.

A contratación destas obras foi posible tras a obtención da autorización pertinente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e unha vez que está dispoñible a partida de investimentos dentro do Concello de Ourense.

“Somos conscientes do inmenso valor que ten esta instalación termal para a cidade, pois foi a primeira de uso público posta en marcha en Ourense. De aí o noso empeño en que toda a obra estea deseñada para garantir a seguridade, presente e futura, nun dos grandes símbolos do noso termalismo”, explica Flora Moure.

O resumo das obras, que se desenvolverán durante varias semanas, consta dos seguintes traballos:Actuacións nos sistemas existentes de captación, bombeo e canalizacións para conseguir un caudal suficiente para a renovación total da auga en 4 horas.

Actuacións na estrutura dos vasos para mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade. Actuacións de mellora de fontanería, ducha, arquetas, sistemas de medicións. Instalación dun sistema de balizamento con cordas e postes de madeira para delimitar a instalación termal. Ademais, da sustitución de sinalética e cartelería para adaptala á normativa vixente