E-bike Río Minho, primeiro servizo real transfronteirizo de España



O AECT Rio Minho, en sociedade coas eurocidades Tui-Valença, Tomiño-Cerveira e Salvaterra-Monçao puxo en circulación o ‘E-bike Rio Minho’, un servizo de partilla de bicicletas eléctricas que nace como o primeiro servizo de xestión real verdadeiramente transfronteiriza de toda a Península Ibérica. Grazas á iniciativa calquera persoa veciña ou visitante das principais vilas do Miño poderá rodar cruzando dun país a outro nas 46 bicicletas dispoñibles totalmente de balde simplemente realizando unha tarxeta de persoa usuaria ou ben empregando a App creada para o funcionamento.


Para a estrea do servizo realizouse un percorrido no que estiveron involucrados non só representantes institucionais (da Deputación, concellos, AECT, CIM e CCDR-N) , senón tamén veciñanza de todos os concellos. Partiron comitivas dende Monçao e Salvaterra, tamén de Tomiño e Cerveira e xuntáronse todas coa parte de Tui-Valença no Largo dos Comboios de Valença a media mañá. Dende alí fixeron un treito conxunto cruzando simbolicamente a vella ponte de ferro ata unha explanada anexa á alfándega de Tui, onde se realizaron os discursos oficiais e se tomou un pequeno refrixerio de confraternización.

O deputado Uxío Benítez destaca que o servizo ‘E-bike Rio Minho’ supón o primeiro proxecto que realmente é de xestión compartida entre os dous países, a Galiza e Portugal, para prestar un servizo conxunto a todo o territorio transfronteirizo. Subliñou que se trata dunha iniciativa piloto que ten vocación de ampliación, posto que se está a traballar na consecución de máis fondos comunitarios para aumentar o número de bicicletas dispoñibles, o número de estacións de carga e ancoraxe, e tamén a instalación en máis localidades do Río Miño fóra das eurocidades.

Segundo o nacionalista, o ‘E-bike’ evidencia varios dos obxectivos estratéxicos do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho. O primeiro, que o AECT naceu con vocación de dar servizo a todo o territorio transfronteirizo do Miño; o segundo, fixar e consolidar o Rio Miño como un destino e unha marca turística que sexa atractiva a visitantes; e por último, promover a ligazón e a conectividade na fronteira mediante servizos de mobilidade activa e suave que substitúan aos vehículos como tamén se fará co Anel Verde do Miño, unha iniciativa para crear unha ruta circular na que pasear e circular en bici.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza explicou que o orzamento do proxecto é de 90.000 euros, sendo o 75% do total inxectado dende o FEDER a través do POCTEP e o resto do AECT (Deputación e CIM) e eurocidades. Amais, o estado portugués, a través dun fondo ambiental achegou unha subvención para a instalación de estacións físicas de ancoraxe na parte lusa, que supuxo un investimento doutros 75.000 euros.

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou a “experiencia única” que supuxo “saír de Valença e chegar a Tui” paseando sobre as bicicletas transfronteirizas “por esa ponte que é un símbolo internacional”. A presidenta fixo fincapé na importancia de “traballar xuntos e xuntas” para situar o territorio do sur de Galicia e o norte de Portugal “en proxectos que van atraer moitas persoas visitantes e que permitirán amosar os valores medioambientais, culturais e patrimoniais que son un orgullo para todas e todos nós”. Estes proxectos de futuro comezan con “ideas concretas” como este “E-Bike Rio Minho” impulsado pola AECT Rio Minho, “unha das máis activas que existen” e que “transforma o territorio para mellorar as vidas da xente”.