Colle forza a creación dun ecosistema de alimentos sostible en Paderne


A Deputación avanza no proxecto para desenvolver un ecosistema de produción de alimentos sostibles con base na vella estación de tren de Cantoña, en Paderne de Allariz, e que se apoiará nas fincas de cultivo propiedade da administración provincial en Sandiás, destinadas a novos emprendedores agrícolas. Agora, a través do Inorde, presentouse á convocatoria estatal de subvencións para o financiamento de proxectos innovadores para a transformación territorial e a loita contra o despoboamento. Esta fase do proxecto sumaría unha inversión de medio millón de euros -450.000 euros serían subvencionados- e abarca un cronograma de tres anos.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse coa xerente do Inorde, Emma González, para repasar os detalles dun "iniciativa completamente estratéxica", e que xa recibiu por parte do goberno provincial unha achega de 250.000 euros para rehabilitar a antiga estación de ferrocarril, que se converterá nun centro colaborativo de transformación de produtos co foco posto nas comarcas de Allariz-Maceda, A Limia e Terra de Caldelas.

Manuel Baltar incide na importancia dun proxecto que busca desenvolver un "ecosistema de intelixencia e innovación territorial mediante a creación de redes entre produtores, consumidores e outros oficios existentes ou por crear no territorio, que contribúa a xerar instrumentos eficaces na loita contra o despoboamento". Todo apoiado en dúas actuacións fundamentais: o programa de emprendemento agrícola e a creación do espazo colaborativo de transformación de produtos.

O presidente da Deputación destaca as repercusións desta iniciativa, que "busca dinamizar estas comarcas, xerando oportunidades tanto a veciños interesados no emprendemento agrícola e que non teñen terreos como a persoas que busquen unha segunda actividade para elevar o seu nivel de renda". O proxecto suma unha perspectiva de xénero, prestando especial atención á participación das mulleres.

Manuel Baltar explica que a través da "colaboración pública privada estimulase a evolución da nosa base produtiva e se avanza na transformación dos produtos cultivados, para acceder a novos mercados e cunha clara aposta pola conservación da biodiversidade e a paisaxe". En función dos resultados do proxecto, aplicarase o modelo, aplicado ás necesidades específicas, noutras comarcas da provincia de Ourense.

Para comezar, iniciarase un programa de emprendemento agrícola, para o que se destinarán leiras de cultivo das que é titular a Deputación, favorecendo que persoas sen acceso a terras -como mozos ou poboación inmigrante- entren nunha agricultura sostible.

Outra actuación clave será a creación do mencionado centro colaborativo de transformación de produtos do sector primario na antiga estación de tren de Paderne de Allariz -mantida polo Inorde dentro do convenio con ADIF-. Unha infraestrutura que permitirá aos agricultores e pequenos produtores transformar os seus produtos agrícolas, incidindo na incorporación de mozas e mulleres no proceso.