Centos de figuras de Playmobil reproducen en Ferrol a batalla de Brión


O castelo de San Felipe acolle un diorama de gran formato que reproduce, con figuras de Playmobil, a batalla de Brión. Trátase dunha montaxe organizada polo Concello de Ferrol e membros da Asociación Española de Coleccionistas de Playmobil (Aesclick) coa colaboración do Tercio Norte.

A recreación, na que se poden ver aspectos coma o desembarco británico na praia de Doniños, a lagoa, o propio castelo de San Felipe ou os combates nos montes de Brión, está composta por 700 figuras de soldados e civís, xunto as que se colocaron todos os elementos necesarios para completar a ambientación, como barcos, armas, animais, árbores e edificacións.

O alcalde expresou o seu agradecemento a Aesclick polo “espectacular resultado do seu traballo” e a Tercio Norte por colaborar coa loxística, tanto no traslado das pezas como na cesión de instalacións do cuartel de Dores para a creación do diorama. “Ambos fixeron posible esta magnífica recreación”, dixo.

“Con esta iniciativa increméntase novamente o atractivo e a oferta turística e cultural do castelo, a xoia patrimonial do Concello de Ferrol, que está sendo obxectivo prioritario para o goberno local, tanto no que se refire á súa recuperación como á súa posta en valor”, asegurou Ángel Mato.

çA concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero reiterou o seu agradecemento ás persoas e entidades implicadas. “Esperamos que nenos e maiores gocen desta mostra durante os tres meses que vai quedar instalada. Tanto os turistas como os ferroláns, que teñen unha gran oportunidade de achegarse ao castelo”, dixo. A edil avanzou tamén que en breve se presentará o programa da conmemoración da batalla de Brión, que se celebrará en agosto, e que en setembro e outubro haberá visitas para colexios para a recreación e as mostras permanentes que hai na sala de Cureñas e na recentemente rehabilitada torre da batería baixa.

Pola súa banda, o coronel do Tercio Norte, Francisco Guerrero, destacou o valor da exposición por representar un momento da historia no que militares e civís se uniron no obxectivo común de defender a súa cidade. “Brión 1800, a vista de click” ocupa unha superficie de 18 metros cadrados dentro da sala de Cureñas do castelo de San Felipe. Poderase visitar ata o 15 de outubro. O horario é e 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 todos os días da semana