Campaña para promocionar a categoría de Ternera Gallega Suprema


O presidente do Consello Regulador, Jesús González, e o titular do Medio Rural, José González, firmaron este mes un convenio de colaboración para impulsar unha campaña de promoción, fomento e difusión da carne certificada baixo a categoría Ternera Gallega Suprema. Acompañáronos neste acto o secretario da IXP, José Gómez, e o director de Promoción, Luis Vázquez, xunto co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da AGACAL, José Luis Cabarcos.

A campaña comportará un investimento de 1,4 millóns de euros dos que a Xunta -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- aportará a metade. O Consello Regulador achegará os outros 700.000 euros, entre este convenio asinado e as axudas á promoción vinculadas aos selos de calidade IXP ou DOP. Esta nova campaña de promoción, que se difundirá a nivel nacional en radio, prensa, televisión, redes sociais e puntos de venda, centrarase na categoría Ternera Gallega Suprema, que identifica a carne procedente de animais menores de 10 meses e cunha alimentación baseada na lactancia materna durante 7.

O presidente da IXP recalcou a relevancia deste convenio para potenciar e dar a coñecer a carne de Suprema, sendo bo para os gandeiros, as industrias, a distribución e os consumidores, que poderán diferenciar mellor a carne de vacún de calidade e as súas categorías comerciais.

Segundo o conselleiro do Medio Rural, a campaña quere ser un revulsivo diante da difícil situación na que se atopa o sector galego de vacún de carne a causa do incremento dos custos de produción de 2021, que se viu agravado tras a invasión rusa de Ucraína. Trátase, ademais, de poñer en valor a aposta que este eido produtivo fai pola calidade, polo benestar animal, pola biodiversidade, polo medio ambiente e pola xestión do territorio. Esta iniciativa chega despois do acordo promovido en marzo entre todos os elos da cadea de valor cárnica para frear a venda a perdas e tras o estudo de custos de produción das explotacións realizado pola Consellería.

Ternera Gallega é o indicativo de calidade cárnico que máis certifica en España, case un 60% da carne de vacún comercializada con denominación, con máis de 23.600 toneladas vendidas no ano 2021 e un valor en orixe de 137 millóns de euros. A IXP conta con máis de 8.400 ganderías inscritas, que vertebran o territorio e que, coa súa actividade, manteñen vivo o medio rural e fixan poboación, ao tempo que conservan a biodiversidade e a contorna.