Camiño Portugués Tui en Facebook, 5.000 membros e 2 millóns de impactos


Máis de 5 mil membros e 2 millóns de impactos, son dúas da cifras destacadas do perfil Camiño Portugués Tui na rede social Facebook promovida polo concello de Tui en xullo de 2020. Naceu co obxectivo de cubrir unha das eivas que se detectaban na promoción da ruta xacobea ao seu paso pola cidade e a súa escasa presenza nas redes sociais, especialmente en Facebook, xa que esta rede social é a máis empregada no ámbito da peregrinación.

Nestes dous anos de funcionamento xa son máis de 5.000 os membros pertencentes a este grupo en Facebook, un número récord no mundo das redes sociais para seren un grupo centrado tan só nunha ruta e en concreto nunha cidade dela. O número total de visualizacións directas foi de 1.000.000. As liñas de extrapolación ofrecidas polos estudos sociolóxicos permiten afirmar que, sumada esa cantidade ás visualizacións ou replicados nos outros grupos, a cifra total duplicaríase, ata chegar aos 2.000.000 de impactos.

Trabállase mediante palabras clave e cunha metodoloxía programada sobre os contidos: adiviñas os luns, vídeos os sábados, foto en branco e negro os domingos, etc. Préstase especial atención ao tramo Ponte de Lima – Santiago e ao Caminha – Valença. É un grupo de servizos non tanto de debate, aínda que non se rexeita especialmente no que atinxe ao carácter histórico deste Camiño Portugués fronte a outras rutas como o Camiño Portugués da Costa ou a Variante Espiritual, carentes desa dimensión.

Para os meses de menor actividade foi deseñada unha publicación diaria titulada “Tui, paso a paso” subindo unha foto cada 50 pasos na traza da ruta por Tui. As visualizacións teñen unha media de 1155 persoas ao día. O perfil de membros é maioritariamente feminino, o que concorda co propio Camiño Portugués onde a presenza de mulleres é moi alta, evidenciando a seguridade que ofrece esta ruta.

Este perfil está atendido por ata catro persoas. Diariamente suben unha foto de actualidade a instagram (onde hai 1.003 seguidores) e entre dous e catro posts ao grupo de Facebook, incitando á interacción dos propios peregrinos. As entradas se replican diariamente nunha ducia dos 77 grupos que existen centrados no Camiño e Santiago e en varios idiomas.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, este perfil “Camino Portugués. Tui” ten respondido aos obxectivos para o que foi creado: ofrecer información sobre a nosa cidade para todos os usuarios interesados no Camiño Portugués e contribuír deste xeito ao posicionamento da nosa cidade como referencia central das rutas de peregrinación xacobeas de Portugal.