Cambre, primeira das seis feiras coruñesas que impulsan o comercio local


Unha vintena de comercios locais de todo o municipio exhibirán, durante estes días, os seus produtos e servizos na Feira de Oportunidades. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo Concello de Cambre e a Deputación da Coruña para dinamizar o tecido económico. O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, e o concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, e acudiron ao acto de inauguración do mercado, situado na contorna de Casa das Palmeiras, en pleno Paseo Marítimo do Temple.

García Patiño apuntou a "importancia" deste tipo de accións e iniciativas, que cualificou como "moi necesarias para seguir apoiando ao tecido económico do concello, algo fundamental no contexto socioeconómico actual". Na mesma liña, o edil destacou "o compromiso deste goberno cos autónomos e as empresas, que materializamos a través das liñas de axuda ás asociacións de empresarios e o programa Consolida Cambre, entre outros".

Pola súa banda, o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo explicou que esta é a primeira dun total de seis feiras de dinamización do comercio local que, co apoio da Deputación da Coruña, se celebrarán durante o verán tamén en As Pontes, Arteixo, Betanzos, Carballo e Culleredo co obxectivo de apoiar ao comercio local e axudar a dinamizar tamén outros sectores como a hostalaría.

Na Feira de Oportunidades, aberta tamén este domingo 24, vinte negocios terán a oportunidade de dar a coñecer os seus artigos e prestacións ao público asistente. As persoas que se acheguen á cita poderán atopar postos dedicados á alimentación, artesanía, fotografía, estética e beleza, complementos, así como outras casetas de venda de roupa, libros ou manualidades.

A Feira de Oportunidades do Temple está enmarcada dentro do proxecto de dinamización do ente provincial, e incluirá citas noutros municipios da provincia, sendo Cambre o primeiro no que se celebrará este mercado.