Cambio na festa da Raia para facer de ariete dun Portonovo gastronómico


O Concello de Sanxenxo e os hostaleiros de Portonovo apostan por un cambio profundo da Festa da Raia creando un novo evento que potencie o perfil gastronómico da vila. Así o acordaron na última reunión mantida no salón de plenos na que se puxeron as bases deste novo proxecto.

O cambio xerará novas oportunidades para Portonovo, a súa hostalaría e as persoas que visiten a vila mariñeira para gozar da súa gastronomía e as actividades que se van a desenvolver durante o evento. O principal obxectivo é mellorar a proposta, facela máis atractiva pola súa oferta culinaria e de actividades. Pero o cambio tamén forma parte dunha estratexia máis ampla destinada a situar Portonovo como unha "vila mariñeira do tapeo".

Recuperar unha traxectoria que a vila tivo nos anos 70 e 80, que logo se viu interrompida pola proliferación de locais de copas que relegaron a un segundo plano o perfil gastronómico da vila.

1. Un "novo nome" para o evento que abarque a variedade de produtos que xera a actividade mariñeira. Portonovo é moito máis que a raia que, en calquera caso, seguirá formando parte da oferta gastronómica.  O nome elixido é "Portonovo gastronómico". Dando así maior protagonismo á vila e complementándoo co adxectivo "gastronómico" que apela a "comer ben"

2. O evento trasládase ao outono e terá unha duración maior, en concreto do sábado 15 de outubro ao domingo 23. Por tanto, inclúe dous fins de semana en lugar dun como era habitual.

3. Outra novidade substancial é que a degustación gastronómica trasládase da lonxa aos bares e restaurantes da vila e inclúe a variedade de produtos da gastronomía de Portonovo.

Por suposto, mantense a Raia de Ouro que se entrega a un veciño en función das súas traxectoria persoal ou profesional, así como outras actividades habituais do programa da Festa da Raia.