Betanzos celebra o 6 de agosto os Caneiros en familia, antesala do 18 e 25


O Concello celebrará o 6 de agosto os Caneiros en familia, unha romaría organizada coa idea de promover un retallo para que os betanceiros gocen dun día especial, subindo ata Os Caneiros en embarcacións ou a pé e logo alí xantar no campo, á beira do Mandeo, coas viandas que os propios romeus leven. Unha celebración que, especialmente os mozos, non puideron gozar durante estes anos como facía antigamente.

O Concello recupera esta actividade despois do parón provocado pola covid durante estes dous últimos anos. Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, estableceranse viaxes desde o embarcadoiro da Tolerancia ata o campo de Os Caneiros na embarcación municipal Diana Cazadora.

O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo día 4 de agosto e xa se pode realizar nas oficinas do Edificio Arquivo, de nove da mañá a dúas da tarde ou nas oficinas de Turismo, de cinco a sete da tarde. As prazas, 55 en cada viaxe, cubriranse por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio. As viaxes de subida ao campo serán ás 11:30 h, 13:00 h e 14:30 h, mentres os de baixada ás 19:00 h, 20:00 h e 21:00 h.

No entanto, o Concello espera que tamén se “apunten á romaría” outras moitas lanchas de Betanzos e que ese día “todos os betanceiros e betanceiras deamos mostra de como deben celebrarse as xiras dos días 18 e 25 para que o día de Caneiros en familia sexa tomado como exemplo do que deben ser esas dúas xiras”.

O Concello organiza de novo esta cita para difundir e inculcar “os valores e tradicións características desta romaría”. O obxectivo non é outro que seguir dando pasos para evitar que se desvirtúe a romaría, un propósito do conxunto de entidades do municipio e dos diferentes partidos políticos.