Baltar aposta por desenvolver o potencial do viño e turismo no Ribeiro


O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co vicepresidente segundo e responsable dos temas de cooperación cos concellos do Ribeiro, César Fernández, para abordar as liñas de colaboración abertas actualmente entre o goberno provincial e os municipios desta comarca ourensá e analizar futuras actuacións neste eido.

Despois da reunión, Manuel Baltar resaltou a "firme aposta" do seu goberno por "desenvolver o enorme potencial deste territorio, cunhas posibilidades xigantescas e que concentra moitos dos recursos fundamentais que fan de Ourense unha provincia única".

Un traballo reforzado, explica o presidente do goberno provincial, a través da labor desenrolada no último ano e medio polo vicepresidente César Fernández para avanzar "na colaboración cos concellos, un aspecto fundamental para esta Deputación, que ten na cooperación e o traballo horizontal un dos seus motores fundamentais".

O presidente da Deputación avanza que esta liña de traballo de impulso ó Ribeiro, como o resto de comarcas ourensás, seguirá potenciándose nos próximos meses. "Porque este goberno provincial cre en Ourense e en cada un dos seus concellos. Porque nós sempre estamos preparados para escoitar as demandas municipais e contribuír a seguir potenciando este territorio a través de proxectos innovadores e que melloren a calidade de vida dos veciños".

A Deputación ten avanzado na súa implicación co sector vitivinícola, fundamental na economía do Ribeiro. Neste eido, a Deputación colaborou en novas accións promociais do Ribeiro a través do apoio directo ó Consello Regulador da Denominación de Orixe e á Ruta do Viño do Ribeiro, "como organismos destinados a potenciar e poñer en valor o recurso fundamental desta comarca", como remarca Manuel Baltar.

Ademais, no que ten que ver co apoio ó sector vitivinícola, no último Pleno de debate sobre o estado da provincia aprobouse unha proposta de resolución para levar a cabo un plan de mobilización de terras para cultivo da uva, que permita poñer ao dispor do sector un mínimo de 160 hectáreas de terreo para cultivo de uva, unha cuestión na que se está avanzando na actualidade.

O presidente da Deputación tamén destaca a aposta do goberno provincial "polo desenvolvemento turístico do Ribeiro". Nestes últimos meses téñense incluídas varias accións a executar neste territorio dentro do Plan de Sostenibilidade Turística, coma unha senda peonil que conecte o casco histórico de Ribadavia coas termas de Prexigueiro.

No eido deportivo, a Deputación ten unha aposta decidida polos deportes náuticos e polo turismo deportivo. "Un sector completamente estratéxico para este goberno", segundo Manuel Baltar, e que nos últimos meses sumou importantes investimentos para avanzar no acondicionamento do Parque Náutico de Galicia, en Castrelo, e a dotación dun novo pantalán de saída para o remo que permitirá acoller en agosto a Coupe de la Jeunesse. Nesta mesma liña, a administración provincial mantén a colaboración con eventos como a segunda edición da Arnoia Termal Sports, celebrada recentemente. "Avanzar na transformación da provincia nun gran ecosistema deportivo é fundamental, porque temos moi claro o retorno económico e turístico que estes eventos deportivos supoñen para o territorio".

Ademais, entre outras liñas de apoio, tamén tense levado a cabo un importante investimento en acondicionamento e mantemento de infraestruturas viarias da comarca do Ribeiro, tanto na propia rede viaria de titularidade provincial coma a través da cooperación cos concellos para o acondicionamento de infraestruturas de titularidade municipal.