As Cidades Patrimonio outorgan o seu premio 2023 a Helga de Alvear




As cidades españolas Patrimonio da Humanidade outorgaron o seu premio 2023 a Helga de Alvear. A decisión tomouse na Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España que se celebrou no Pazo de Raxoi de Santiago, con motivo do Ano Santo 2022. O Grupo participará este lunes na Ofrenda ao Apóstolo, xunto cos Reis de España e as súas fillas as infantas Sofía e Leonor.

O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, destacou que "a decisión foi tomada por unanimidade e con este premio queremos recoñecer a xenerosidade e empeño de Helga de Alvear para que o o centro histórico de Cáceres acolla unha das coleccións privadas de arte contemporánea máis importantes de Europa. O seu extenso labor como coleccionista, filántropa e mecenas fixo posible a creación dun novo Museo de Arte Contemporánea que amplía o patrimonio artístico de todos os españois. Igualmente transcendente é a posta en valor da arquitectura e o urbanismo do centro histórico cacereño, incorporando de maneira harmoniosa a difusión da cultura contemporánea ao Patrimonio Histórico da cidade".

A proposta do alcalde de Cáceres, Luís Salaya, concédese este premio que, segundo o presidente do Grupo, pon en valor o feito de que "desde a creación da Fundación, en novembro de 2006, Helga de Alvear dotou á cidade de importantes recursos para dar visibilidade a un museo de prestixio internacional que se converteu en motor cultural, social e económico para a cidade".

O presidente do Grupo, Carlos García Carbayo, anunciou que a entrega do Premio Patrimonio farase efectiva o 11 de novembro no marco da Asemblea Xeral do Grupo que se celebrará en Cáceres.

Coa presenza de máis de 500 artistas dos cinco continentes, o Museo de Arte Contemporánea conta con máis de 3.000 m2 de espazo expositivo e case 8.000 m2 de superficie. O Grupo destaca que "Helga de Alvear achegou o 50% dos fondos necesarios para a construción do edificio de nova planta deseñado polo premiado estudo Tuñón Arquitectos, foi ela quen adquiriu o inmoble onde se sitúa dita ampliación e tamén financiou o proxecto arquitectónico. O edificio deseñado por Emilio Tuñón difumina fronteiras entre o centro histórico de Cáceres, Patrimonio da Humanidade, e a parte máis moderna da cidade, creando así unha vía de comunicación fluída entre o pasado e o presente".

O conxunto arquitectónico converteuse en si mesmo nun valor patrimonial de primeira orde. Entre os Premios recibidos entre 2020-2021 e destacan o Premio Panorama de Obras de Arquitectura e Urbanismo na XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo; o Premio Architecture MasterPrize na categoría de edificio cultural, o Premio Luís M. Mansilla do COAM e o Prix AMO - Architecture et Maîtres d'Ouvrage, como mellor catalizador urbano.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que "en 2021 gañou o Premio Patrimonio a Fundación Catedral de Santiago de Compostela, en recoñecemento á importancia do proxecto de restauración e rehabilitación do conxunto histórico monumental dunha xoia única no patrimonio mundial. Ese Premio tivo gran repercusión e por suposto supuxo un recoñecemento para a Catedral e tamén para o potente atractivo turístico da cidade".