Areeiro recomenda retirar as partes dos acios afectados polo mildio larvado


A Estación Fitopatolóxica do Areeiro da Deputación de Pontevedra vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella retirar as partes dos acios afectadas polo mildio larvado para evitar que se estenda o dano na viña e facilitar a futura vendima. Tamén anima a manter a vixilancia das viñas aínda que as temperaturas, por riba dos 30º, son desfavorables á enfermidade debido a que os esporanxios perden capacidade de infectar. Sen embargo, Areeiro alerta de que o tempo cálido é compatible co desenvolvemento do oídio polo que recomenda extremar a vixilancia e, de ser preciso tratamento, evitar o xofre, xa que con temperaturas elevadas é fitotóxico.

As temperaturas cálidas, os tratamentos aplicados e as labores culturais de poda en verde e esfollas que se están a facer nas viñas contribuíron a que en ningunha das plantas tratadas das parcelas da rede de Areeiro e doutras que o centro observa aparecesen acios con midlio viable. Sen embargo, Areeiro recomenda revisar periodicamente as viñas e renovar tratamento naquelas que teñan próxima a data de finalización do período de protección do anterior, para evitar que se poida espallar a enfermidade.

Do mesmo xeito o centro dependente da Deputación de Pontevedra alerta de que o oído, tremendamente complicado de controlar unha vez se instala na viña, acentúase con temperaturas cálidas polo que aconsella revisión e, se está próximo a concluír o tempo de cobertura da aplicación anterior, renovar o tratamento. No que respecta ás avelaíñas do acio, Areeiro asegura que, de momento, non será preciso a curto prazo realizar tratamentos.

Ademais, o centro fitopatolóxico asegura que as temperaturas elevadas están tamén a producir estrés nas plantas, o que se manifesta xa na aparición de síntomas típicos de alteracións de madeira. Cos rexistros aínda máis altos que se agardan para as próximas xornadas Areeiro adianta que é posible que aparezan outras alteracións bióticas e abióticas.