Anguía e augardente, protagonistas de 4 showcookings en Valga


Achégase o mes de agosto e o Concello de Valga está a ultimar a programación da gran festa do ano: a XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Esta semana pesentáronse no Centro de Interpretación da Caña as actividades gastronómicas que se desenvolverán no marco do “Agosto Gastronómiico”, que acada a súa segunda edición tralo éxito da experiencia de 2021.

Showcookings e obradoiros ofrecerán ideas para sacar o máximo partido culinario aos dous produtos protagonistas da festa (a anguía e a augardente), e tamén haberá concursos dirixidos á mocidade e ao público en xeral. Todo baixo o paraugas do equipo de Indo e Vindo Gastronomía, cos chefs Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña, que participaron na presentación xunto ao alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo.

As actividades darán comezo o día 27 de xullo, co primeiro showcooking de título “Destapa a anguía”, no que se cociñarán en directo tapas creativas realizadas con este peixe. Aínda que está aberto á participación de todo tipo de público, esta proposta pensouse especialmente para os hostaleiros do municipio, para que poidan captar novas ideas de cara á súa participación na Ruta de Tapas que cada ano se organiza tamén con motivo da festa.

Haberá outras tres demostracións os días 17, 21 e 24 de agosto: “A caña no prato”, na que se cociñarán catro receitas elaboradas con caña do país; “Moito máis que caña”, coa preparación de cócteles con augardente; e “Universo anguía”, na que se elaborarán catro pratos que terán como ingrediente principal a anguía. Os showcookings, que se desenvolverán no Centro de Interpretación da Caña, inclúen degustación por parte dos asistentes e maridaxe.

O “Agosto Gastronómico” ten tamén parte da súa programación orientada aos nenos e aos mozos. O día 3 de agosto terá lugar no Parque Irmáns Dios Mosquera un obradoiro de cociña para nenos de entre 5 e 12 anos, que elaborarán dous pratos: un salgado, que terá a anguía entre os seus ingredientes, e un doce.

Entre o 9 e o 11 de agosto terá lugar o concurso Anguía Chef, dirixido a mozos de entre 13 e 18 anos. Durante estas dúas xornadas, catro equipos integrados por catro rapaces competirán por ser os mellores cociñando anguía. Deberán superar unha primeira eliminatoria para clasificarse para a gran final do día 18 e haberá premios para os gañadores.

Todas estas actividades son gratuítas, pero teñen un carácter solidario. Os inscritos deberán aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que, posteriormente, se entregarán ao departamento de Servizos Sociais para a súa distribución entre as familias sen recursos.

As actividades do “Agosto Gastronómico” complétase con dous concursos de fotografías e receitas. Ao primeiro poden presentarse imaxes relacionadas coa anguía, a caña do país e o Camiño de Santiago ao seu paso por Valga e desenvolverase a través das redes sociais Facebook e Instagram. Concederanse tres premios consistentes en tres lotes de produtos galegos valorados en 100 euros cada un.

En canto ao concurso de receitas de anguía e caña, as persoas interesadas en participar poderán enviar a través de correo electrónico as súas propostas culinarias elaboradas con estes produtos, acompañadas dunha fotografía e unha explicación sobre a súa preparación. O premio para o gañador será tamén un lote de produtos valorado en 100 euros.