A oficina da Feira Franca de Pontevedra pecha o vindeiro venres e recolleu até o de agora 50 solicitudes para participar no mercado medieval e 28 autorizacións de hostalería para instalar veladores no centro histórico.
A programación de festas do verán non para! Este lunes celébrase a tradicional romaría de San Bieito que este ano volve á contorna da praia fluvial, e a oficina da Feira Franca permanece aberta nos baixos do edificio municipal da rúa Alfonso XIII (antigo Conservatorio).
A Feira Franca volverá ás rúas do centro histórico da cidade na primeira fin de semana de setembro (venres día 2 e sábado día 3) baixo a temática do río Lérez e da Ponte do Burgo. Para montar mesas de xantares e ceas tanto particulares como hostalería e para participar no mercado medieval, é preciso inscribirse na oficina que o departamento de Festas, que dirixe Carme da Silva, ten habilitado no antigo Conservatorio.
O horario de atención ao público é de luns a venres de 10 a 14 horas. O prazo de inscrición está aberto dende o pasado 15 de xuño e rematará o vindeiro venres (15 de xullo).
Até o de agora o número de inscricións son 114 de mesas particulares; 50 solicitudes para montar un posto no mercado medieval e 28 autorizacións para montar veladores eses dous días no centro histórico.