0,5 M€ para rehabilitar a Casa Museo de Valle Inclán en Vilanova


O Consello da Xunta autorizou o acordo de cooperación entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Vilanova de Arousa para a posta á disposición dos terreos e execución da rehabilitación da Casa de Valle-Inclán no marco dos fondos Next Generation. O proxecto de rehabilitación da Casa Museo Valle Inclán, a que fora vivenda natal do autor conta con case 523.000 euros, IVE incluído, para levar a cabo reparacións no interior e no exterior, melloras no axardinamento e embelecemento paisaxístico, a drenaxe e eliminación de humidades, a iluminación con tecnoloxía LED, a incorporación dun sistema de climatización e a dotación de contidos multimedia para a súa divulgación turística.

O obxectivo do proxecto é a rehabilitación sustentable do edificio da casa, a dotación ecoeficiente do centro de interpretación, museografía dixital e promoción e márketing turístico do destino, poñendo en valor ademais a atención e acollida ao peregrino, xa que será o centro de interpretación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla-Ruta Traslatio.

Mediante a sinatura deste acordo, desde a Axencia Turismo de Galicia licítanse as obras de rehabilitación e o Concello de Vilanova de Arousa pon á disposición os terreos para que a empresa adxudicataria do contrato poida realizar os traballos precisos. No marco destes fondos NextGeneration, a Xunta formulou o Plan Xacobeo Next Generation, en que están incluídos a posta en valor dos BICs do Camiño de Santiago, aos que se dedica 22,7 millóns de euros co obxectivo de conservar os bens de interese cultural e permitir que poidan seguir sendo desfrutados polas xeracións futuras.