Vilagarcía proxecta dotar a praza de Abastos de enerxía fotovoltaica


A modernización e mellora da Praza de Abastos en termos de sustentabilidade continúa cunha nova actuación promovida pola Concellería de Promoción Económica e Mercados: a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica para cubrir as necesidades do mercado municipal.

O primeiro paso vénse de dar coa adxudicación da redacción do proxecto á firma coruñesa Vertia Ingeniería S.L., especializada neste tipo de instalacións. O contrato fírmase por importe de 3.980 euros (IVE incluído) e inclúe a dirección de obra e a coordinación de seguridade e saúde.

O acordo apunta outras dúas obrigas para a adxudicataria: a realización do certificado de cargas dos paneis na cuberta da praza e a xestión do punto de acceso de conexión da instalación coa infraestrutura da empresa distribuidora.

A instalación de placas solares coas que xerar enerxía eléctrica para consumo da Praza de Abastos é unha das medidas que a concellería que dirixe Alba Briones vai a levar a cabo a través do programa “Vilagarcía Viva” co que o Concello participa nos fondos europeos Next Generation, cuxo obxectivo é modernizar e dinamizar o comercio de proximidade mediante actuacións de apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtos de comercialización.

En concreto, a instalación dos sistemas fotovoltaicos enmárcase na liña de investimentos destinada a medidas de sustentabilidade e eficiencia enerxética que permitan aos edificios e instalacións públicas axustarse aos requisitos medioambientais e enerxéticos que se marcan dende Europa.

A empresa adxudicataria deberá entregar o proxecto antes de que finalice o mes de xuño. Será entón cando se coñezan as características e alcance das obras a realizar, o efecto que terán no consumo de enerxía da Praza de Abastos e tamén o custe da actuación. A intención da concellería é sacar a licitación os traballos coa maior brevidade posible.