Vigo traballa para converterse en cidade turística intelixente


A Xunta de Goberno aprobou este xoves o proxecto de dotación de infraestruturas e elementos tecnolóxicos para a transformación de Vigo en destino intelixente para solicitar fondos do programa de transformación dixital e modernización das entidades locais no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia.

O Concello solicitará 200.000 euros, dos que 60.000 serán para actuacións referidas á sensibilización do sector e formación, e 194.000 euros serán para a transformación dixital.

O rexedor avanzou algunha das propostas: Un novo portal web de Turismo de Vigo adaptado á estratexia de Destino Turístico Intelixente; un observatorio de Turismo cun sistema de intelixencia turística en destino a través de solucións big data; deseño e desenvolvemento de folletos dixitais; xeración de rutas temáticas interactivas; creación dun arquivo con imaxes inmersivas 360º dos principais puntos turísticos da cidade e das Illas Cíes; dixitalización dos recursos turísticos e tecnoloxías de dinamización mediante a gamificación e a realidade aumentada.