Tardeos e noiteos en Lugo para facilitar a actividade económica local


Este venres regresan os tardeos e noiteos ao concello de Lugo, unha iniciativa moi exitosa promovida polo Goberno de Lara Méndez que volverá a encher de vida os barrios e prazas da cidade ao longo do verán dentro do movemento Localmente Lucense. Así o avanzou a rexedora, quen explicou que “mañá celebraranse as primeiras actividades na Praza do Castiñeiro, de 17:00 a 20:00 horas; e na Praza de Augas Férreas, de 22:00 a 00:00 horas, nas que haberá actuacións musicais e obradoiros para os nenos e nenas”.

Segundo explicou Lara Méndez “os tardeos e noiteos enmárcanse no Plan de dinamización de barrios que puxemos en marcha para dinamizar os comercios locais e fomentar as compras nos establecementos de proximidade da cidade”. Este plan, desenvolverase por cinco zonas da cidade, incluíndo todos os barrios lucenses, e contempla a realización de actividades de ocio e lecer como tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento; campañas estacionais e en datas sinaladas como San Valentín, Nadal, Samaín, rebaixas de inverno e de verán; ou a organización de mercadiños nas rúas.

Deste xeito, o programa de tardeo deste venres no Castiñeiro incluirá xogos para nenos e maiores, co obxectivo de fomentar as relacións interxeracionais, baixo o título de ‘Xogando no barrio’; así como un carriño musical e a actuación do DJ Popy García. Mentres que o noiteo en Augas Férreas contará coa actuación musical de La Disquetera.