Santiago aproba o plan para ordenar e rehabilitar o Camiño Francés

A Xunta de Goberno Local, aprobou inicialmente o Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3), presentado polo Consorcio de Santiago con data 31 de maio de 2022, que ten por obxecto garantir a protección dos terreos afectados polas rutas do Camiño de Santiago que discorren no seu ámbito, a preservación dos elementos e dos valores culturais vinculados a esta ruta xacobea, e a súa integración urbanística na contorna. Desde e do resto de acordos adoptados, informou, en rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O plan foi elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio, por encargo do Concello de Santiago. O documento establece as medidas necesarias para garantir a protección e recuperación do patrimonio que deba protexerse nos ámbitos do Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Monte do Gozo, o Monte Viso e os Castros de Bando e San Marcos". inclúe tamén a delimitación dos ámbitos da zona de servizo do aeroporto (segundo o Plan director vixente), das zonas de afección acústica, e das afectadas por servidumes aeronáuticas, segundo a documentación achegada por Aviación Civil.

En base a que este plan tamén ten como obxectivo promover a protección, xestión e ordenación da paisaxe, segundo o "Convenio Europeo da paisaxe" elaborouse un traballo de diagnose da situación do ámbito, tendo en conta información histórica, a caracterización da paisaxe e a análise dos trazados do Camiño. A partir dese estudo, definíronse os elementos estratéxicos a ter en conta no Plan Especial Director: os elementos de valor ecolóxico, as diferentes escenas paisaxísticas, o Camiño de Santiago, os elementos de valor patrimonial, os asentamentos de poboación e as súas dotacións e infraestruturas e o sistema agroforestal. O documento define os obxectivos a conseguir para cada un deses elementos estratéxicos.


No relativo aos elementos de valor ecolóxico, os obxectivos do Plan Especial Director do Camiño Francés son evitar a perda de biodiversidade e a posta en valor dos recursos, favorecendo a interacción coas persoas. En canto ás escenas paisaxísticas, o documento persegue preservar as composicións visuais características do ámbito, mellorar as deficiencias das paisaxes urbanas e periurbanas, recuperar as composicións visuais históricas, e conseguir unha mellora visual do Camiño. O Plan Especial apunta tamén á necesidade de recuperar e acondicionar o Camiño de Santiago, avoga por protexer e recuperar o patrimonio intanxible e construído, e demanda a revitalización dos núcleos de poboación, mellorando a súa calidade estética e ambiental e favorecendo o equilibrio entre poboación e equipamentos e servizos. Por último, en canto ao sistema agroforestal, o documento ten como obxectivos poñer en valor a paisaxe agraria e contribuír á sustentabilidade do modelo produtivo.

No que respecta á ordenación e protección da paisaxe, o Plan Especial propón catro Áreas de Protección que representan os elementos con maior singularidade do ámbito. Trátase da Área de Protección dos Valores Ecolóxicos (áreas de interese ambiental e formacións vexetais), a Área de Protección dos Fondos Escénicos (partes do territorio que presentan fraxilidade visual), a Área de Protección do Camiño (elementos con valores ecolóxicos, culturais e visuais máis directamente vinculados á ruta xacobea) e a Área de Protección dos Valores Patrimoniais Culturais (elementos de patrimonio cultural sometidos a unha protección individualizada polos seus valores específicos).

O Plan Especial Director do Camiño Francés define, ademais, dúas áreas de ordenación que se analizan de maneira máis detallada pola necesidade de dar resposta á regulación de determinados ámbitos en solo urbano e rural. Esas dúas áreas son a de asentamentos; e dotacións e infraestruturas, para a que se aposta pola definición de novas ordenanzas para os ámbitos de solos de núcleo rural e os urbanos que se atopan en lugares de transición ao rural; e do Sistema Agroforestal.

Durante a elaboración do Plan Especial Director do Camiño Francés, realizouse un traballo pormenorizado de análise e identificación dos elementos de interese patrimonial de tipo etnográfico, industrial, construído, arqueolóxico e natural; recollidos nun pormenorizado catálogo no que aparecen Áreas de Interese Ambiental, xacementos arqueolóxicos, vestixios históricos do Camiño, arquitectura relixiosa, vivendas labregas e construcións adxuntas como muíños ou pombais.

En canto ao programa de actuacións, no documento defínense actuacións globais, que son aquelas que lle afectan ao conxunto do ámbito ou a varios emprazamentos e que teñen un carácter máis estratéxico, e as actuacións integrais que inclúen diferentes tipos de accións sobre unha mesma contorna.
Na proposta de acordo que foi a Xunta de Goberno aclara que nesa aprobación se inclúe a seguinte modifivación: "No núcleo de San Paio, afectado pola pegada sonora do Aeroporto, non poderán autorizarse novos usos sanitarios que inclúan aloxamento de enfermos, agás informe favorable da Dirección xeral de Aviación civil".