Rulo e Contrabanda sustituirán a Loquillo en Ourense, que se cai do cartel




O Concello de Ourense confirma o grupo musical Rulo y la Contrabanda para actuar nas festas de Ourense, o sábado, 25 de xuño, na rúa Pardo de Cela. A nova contratación realízase logo de que Loquillo cancelase unilateralmente o acordo para actuar ese día nas festas da cidade, que o Concello levará aos tribunais. O concerto de Rulo será ás 23:00 horas e será gratuíto.

Rulo y la Contrabanda chega a Ourense coa súa xira “Noches de fuga y contrabando (25 años de canciones)", coa que percorre toda a xeografía española, e que rematará en xaneiro de 2023 no Wizink Center de Madrid.

A banda está liderada por Raúl Gutiérrez Andérez, Rulo. Logo de formar parte durante 14 anos do grupo La Fuga, Rulo iniciou en 2010 a súa carreira acompañado de La Contrabanda co disco titulado ‘Señales de humo’ (Warner Music Spain, 2010), co que conseguiu o seu primeiro número 1 na lista de vendas. Dous anos máis tarde chegou o seu segundo traballo ‘Especies en extinción’ (Warner Music Spain, 2012) que tivo tamén unha grande acollida polo público, que o levou ao número 2 das listas. En 2016 edita ‘El doble de tu mitad‘ (Warner Music Spain, 2016), acadando de novo o número 1. En 2016 edita ‘El doble de tu mitad’ acadando de novo o número 1. O seu último traballo é “Basado en hechos reales”.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, destaca que a contratación de Rulo y la Contrabanda “é unha gran elección, porque é un artista que ten moito tirón e de seguro que vai ter moito público”. O rexedor explica que “fíxose unha boa contratación porque cando te deixan colgado 7 días antes non te queda moita marxe de manobra, xa que moitos artistas están xa contratados”. Advirte tamén que a data do 25 de xuño coincide tamén cun festival “superpotente” no Wanda Metropolitano de Madrid, o concerto aniversario de Cadena 100, no que actuará unha trintena dos mellores artistas nacionais. Porén, o alcalde destaca o grande tirón de Rulo y la Contrabanda que, explica, supera en escoitas a Loquillo na plataforma Spotify.