Presentada a reforma da Praza de Abastos da Guarda


O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e os responsables do estudo Iván Cotado, presentaron ás praceiras e praceiros o proxecto de reforma estética da Praza de Abastos. Un proxecto que contará para a súa materialización con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Lomba destacou que con esta fase culmínanse as obras de mellora deste espazo comercial tan emblemático da vila.

Tamén trasladou aos praceiros e praceiras que se están ultimando os detalles para sacar a licitación os postos que están sen adxudicar na actualidade, e que sairán a concurso en condicións moi vantaxosas que podan facilitar o máximo posible que novos/as emprendedores/as se instalen no mercado. Esta é outra das accións que o equipo de goberno considera chave para revitalizar o mercado.

Iván Cotado foi o estudo de deseño elixido para desenvolver este proxecto, estudo que acuñou e rexistrou o termo “INteriorismo EStratégico®”, un concepto que engloba marketing e interiorismo e que ten como obxectivo captar e explotar a verdadeira identidade diferencial dos negocios para así deseñar espazos que falen o mesmo idioma da clientela.

Tanto para o Concello como para os deseñadores o mercado é un lugar cunha condición de edificio público e de tránsito que debe potenciar o encontro e a sociabilidade. Ao tratarse dun espazo cun marcado carácter funcional e loxístico, o reto estaba en ser quen de converter o mercado nun espazo máis humano, que puxera en valor o produto para converterse nun referente comercial e social do Concello da Guarda a través da súa revitalización comercial, pero sen perder a esencia do mesmo.