Posta a punto das praias pontevedresas de Ponte Sampaio e Lourizán


O concelleiro coordinador do Rural, Alberto Oubiña e o concelleiro responsable da parroquia de Ponte Sampaio, Raimundo González visitaron a praia fluvial do río Verduxo, na parroquia de Ponte Sampaio, para comprobar o desenvolvemento dos traballos de posta a punto do areal de cara ao verán. Este mantemento realízase nestes días nas dúas praias rurais que ten o Concello de Pontevedra: a da Ponte en Ponte Sampaio e a da Posta, en Lourizán.

Ao respecto da praia de Ponte Sampaio, Raimundo González destacou que xa se realizaron labores de limpeza de toda a zona, tanto da praia como do espazo de lecer da Xunqueira. Este labor manterase ao longo de todo o verán cun contrato de limpeza en exclusiva para este parque que recibe ducias de visitantes diarios.

Tamén rematou a achega de area para completar o areal e instaláronse os baños accesibles ao carón da praia, nesta ocasión cun módulo de madeira, mellorando substancialmente as instalacións de anos anteriores.

A partir do 1 de xullo entrará en funcionamento o servizo de Socorrismo que se ofrecerá durante os meses de xullo e agosto en horario de 13:00 a 20:30 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Estará formado por unha persoa e reforzarase cun segundo socorrista as fins de semana e os días festivos. Esta semana colocarase unha caseta para o servizo.

Ademais, a zona de baño disporá, por vez primeira, dunha zona acoutada por balizas para a protección dos bañistas, afastando aos vehículos acuáticos.

Segundo explicou Raimundo González o investimento na praia de Ponte Sampaio supera os 75.000 euros.

Aproveitando a visita ao areal do Verduxo, Alberto Oubiña, coordinador do rural, tamén deu conta da mellora da praia da Posta, na parroquia de Lourizán. Nestes días, o Concello fará unha achega de area para completala e unha limpeza de algas. Ademais, estanse a executar outros labores de mantemento para que a zona estea en perfecto estado de uso de cara ao verán.