Pontevedra recupera a Feira Franca, que será o 2 e 3 de setembro


Pontevedra recuperará este ano a Feira Franca, que se celebrará entre os días 2 e 3 de setembro. O evento terá como protagonistas o río Lérez e a ponte de Burgo, tal como estaba pensado que sucedese na edición de 2020, non celebrada por mor da pandemia.

A veciñanza da cidade poderá solicitar a instalación de mesas para comidas e ceas na oficina da Feira Franca, no edificio do antigo conservatorio na rúa Alfonso XIII, entre o 15 de xuño e o 15 de xullo, en horario de 10 a 14 horas

Hai Feira Franca! A edil de Festas, Carme da Silva, anunciou que Pontevedra recuperará a celebración dunha das súas festas máis coñecidas e que máis expectación crea dentro e fóra da Boa Vila. Logo de dous anos sen poder ser celebrada por precaución e prudencia perante a crise sanitaria, a Feira Franca volverá con todas as súas forzas este setembro, no seu primeiro fin de semana, os días 2 e 3.

A partir do día 15 de Xuño, e até o 15 de xullo, permanecerá aberta a oficina da Feira Franca. Estará situada no edificio do antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII, e terá un horario de atención á veciñanza de 10 a 14 horas, onde calquera habitante da cidade poderá acudir para solicitar a instalación dunha mesana rúa. "É unha nova que como concelleira de Festas estaba desexando dar", explicou da Silva. "Levamos dous anos sen poder vivila e por responsabilidade así tivo que ser, pero este ano temos a alegría de poder dicir que haberá Feira Franca e que será tal como a lembramos".

Nese sentido, a concelleira explicou que a veciñanza e os negocios da cidade poderán instalar mesas para celebrar comidas e ceas no centro histórico, amais da programación de numerosas e variadas actividades para festexar esta cita, que comezará xa o venres 2 de setembro e será vivida ao longo de todo o sábado.

Doutra banda, da Silva afirmou que esta edición retomará a temática que ía ter a Feira Franca do 2020, co río Lérez e a ponte do Burgo como protagonistas.

Amais da Feira Franca, a concelleira de Festas lembrou que a programación de verán tamén será presentada "nuns días", mais adiantou que ofrecerá un formato combinado entre descentralización e recuperación de espazos tradicionais. Nese sentido, a normativa sanitaria propiciou o achegamento a novos espazos á hora de facer actuacións, formato que nalgúns casos se manterá, aínda que tamén se recuperarán os concertos con miles de persoas na praza do Concello. "Vai ser unha programación variada, moi ampla», sinalou. «Xa non teremos a preocupación de contar se hai máis de 500 persoas nun evento, polo que recuperaremos tamén esa posibilidade de facer concertos grandes e masivos".