Pontevedra prepárase para Pontebirra, un frenesí de cervexa artesá


Os amantes do elixir de lúpulo e cebada teñen unha cita ineludible na Praza de España entre os días 16 e 19 de xuño na IV edición de Pontebirra, a Feira da Cervexa Artesá de Pontevedra, onde poderán degustar a cifra récord de máis de 100 tipos diferentes de cervexa artesá.

O evento gastronómico, organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e La Ruta del Lúpulo SL en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo e as firmas locais Nasa e Meiga, contará con cervexeiros procedentes de toda Galicia, Madrid, Castela e León, Castela A Mancha e Portugal e incluirá no seu programa concertos, DJ’s, foodtrucks, obradoiros e xogos populares.

O festival será inaugurado o xoves 16 de xuño ás 19:00 horas (se ben a zona de xogos populares abrirá xa ás 18:30 horas), estando prevista tamén unha actuación de Brasi ás 20:00 horas para esa primeira xornada. Tal e como indica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “o resto de días Pontebirra permanecerá aberta ao público desde as 12:00 horas, pechando portas á 1:00 o venres 17 e o sábado 18 e ás 22:00 horas no día clausura (domingo 19)”.

“Á marxe dos xogos populares, haberá música ambiente tódalas xornadas, talleres infantís, actuación de Kelloh (venres ás 20:00 horas), sesións beer-mú a cargo de Rapariga DJ (sábado ás 13:30 horas) e Nós Folk (domingo ás 13:30 horas) e concerto de Los Tónikash (sábado ás 22:00 horas), así como concursos para elixir a mellor etiqueta do festival, a mellor cervexa e a mellor foodtruck”, subliñou a edil do PSOE.

Blanco indica que “a asombrosa variedade de cervexas artesás que haberá nesta feira (na pasada edición houbo unhas 70 diferentes)” será servida, ademais de polas pontevedresas Meiga e Nasa, polas ‘casas’ Nós (Vigo), Irmaos de Lei (Vigo), Atlántica (Redondela), The One (Sanxenxo), Bubela (Lugo), Go (Madrid), Áncora (Ourense), Castreña (O Bierzo), Nortada (Porto), Siesta (Burgos) e Banda (Nigrán).

O organizador de Pontebirra, Esteban Loureiro, sinala que “este é un festival de carácter familiar, que ten como obxectivo principal fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa, xerando así un espazo cultural diferente”. “As foodtrucks participantes son -apunta Loureiro- Yummy World, de burguers gourmet; La Gallega, de parrilada e polbo; Caleyes, de hamburguesas; Crepería Sebastian, de crepes; Baden Baden, de salchichas; Capitán Samosa, de samosas, e Croquetas D”.