Piden que o tramo Vilalba-Betanzos sexa parte do Camiño Norte a Santiago


O Concello solicitaralle á Xunta que, por medio dun Decreto, aprobe a delimitación do tramo Vilalba-Betanzos como integrante do Camiño Norte de Santiago. A petición levarase a Pleno o vindeiro martes e con ela o Concello cubre os pasos dados durante estes meses para que este tramo pase a ser oficial.

A posibilidade de incorporar este tramo como Camiño iniciouse a partir dun traballo de investigación do Anuario Brigantino 2017 relativo ao tramo Vilalba- Betanzos do Camiño Norte orixinal (tamén chamado Camiño Real). Con motivo deste, o denominado Grupo de Amigos do Camiño Norte (tramo Vilalba-Betanzos) emprendeu os labores da súa recuperación.

Para iso, enviou toda a documentación pertinente ao Cabido da Catedral de Santiago e este respondeu positivamente nunha carta asinada por Segundo L. Pérez

López, delegado de Peregrinacións, o 15 de xullo de 2021: “Que conforme á documentación presentada e ao correspondente estudo histórico, non cabe dúbida que este traxecto formaba parte do antigo Camiño Norte a Santiago de Compostela. Por isto, aos peregrinos que recorran este tramo e que cumpran as condicións acostumadas e establecidas pola Oficina de Acollida ao Peregrino concederáselles a Compostela como testemuña da súa peregrinación ao Sepulcro do Apóstolo Santiago”.

Máis tarde, o 9 de outubro de 2021, reuníronse en Betanzos os oito alcaldes e alcaldesas dese tramo asinando unha Declaración favorable a promover as medidas necesarias para sinalizar e manter en bo estado o Camiño, solicitándolle as entidades públicas, especialmente da Xunta de Galicia, o seu apoio e colaboración para que culmine este proceso co recoñecemento oficial e coa conseguinte integración na rede de Camiños Xacobeos.

A partir dese momento, o Grupo de Amigos do Camiño Norte (tramo Vilalba-Betanzos) deu unha marxe de tempo para recibir achegas varias e, acto seguido, solicitoulle á Fundación L. Montegudo a redacción dunha memoria do Camiño Norte de Peregrinación a Santiago de Compostela no tramo Vilalba-Betanzos, acompañada das memorias específicas para cada concello, que incorporan, como é de rigor información textual, fotográfica e planimétrica detallada. E esas memorias foron trasladadas a todos e a cada un dos concellos: Vilalba, Xermade, Guitiriz, Monfero, Aranga, Irixoa, Paderne e Betanzos.

A este respecto, o Concello de Betanzos, en coordinación con todos os demais do tramo Vilalba-Betanzos, quere deixar claro que non é o seu propósito derrogar nin emendar o actual Camiño senón complementalo cun tramo de camiño plenamente documentado, que conflúe en Betanzos co Camiño Inglés, cuxa delimitación foi aprobada polo Decreto 110/2014, de 4 de setembro, DOG n.º 178 de 18 de setembro de 2014, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago Inglés.

O acordo tamén será enviado á Xunta de Galicia para que incoe o procedemento necesario para a adopción do Decreto correspondente e notificado ao Parlamento de Galicia, á Delegación do Goberno en Galicia, ás Deputacións Provinciais da Coruña e Lugo e ao resto dos Concellos do tramo Vilalba-Betanzos.