Apoio escolar con 8.000 barcos a candidatura de Ferrol Patrimonio Mundial


O Concello de Ferrol desexa agradecer aos escolares de Ferrol os preto de 8.000 barcos de papel biodegradable elaborados nas aulas ao longo do último mes como apoio á candidatura da cidade a Patrimonio Mundial, que leva por título ‘Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración’.

Trátase do proxecto ‘Contamos contigo?’ impulsado recentemente polo Concello para involucrar á cidadanía en xeral a través da elaboración de ao menos 30.000 barcos como símbolo de apoio cidadán á candidatura. Unha vez reunidos formarán parte dunha exposición e posteriormente, no mes de outubro, botados ao mar desde un lugar incluído na relación de bens da candidatura.

Polo momento a iniciativa xa conta cos 8.000 desenvolvidos nas aulas de todos os centros escolares, tanto públicos como concertados, aos que se irán sumando nas próximas semanas os que se elaboren en centros sociais, asociación de veciños e na rúa, onde periodicamente instalarase un posto informativo co material para facelo. Hai dúas semanas celebrouse a primeira convocatoria, no Cantón de Molíns.

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, visitou na mañá de onte, último día do curso escolar, o colexio Cristo Rey con motivo da súa participación no proxecto ‘Contamos contigo?’. A edil puido comprobar os barcos elaborados polos alumnos do centro, a quen agradeceu a súa “colaboración e ilusión no proxecto”. O Concello desexa contribuír a que “os nosos veciños máis novos coñezan os bens patrimoniais da cidade na que estudan e se sintan orgullosos deles”, apuntou Martínez Montero.

O proxecto ‘Contamos contigo?’ é unha das iniciativas postas en marcha polo Concello para dar a coñecer a candidatura, os bens que a integran e involucrar á cidadanía, que pode mostrar o seu apoio na web https://ferrolpatrimoniomundial.gal/es/home/, no apartado de Adhesións. Polo momento rexistráronse máis de 5.050.

A proposta ferrolá “precisa do respaldo social e da complicidade cidadá en todos os sentidos, polo que estamos a traballar para conseguir o apoio real e efectivo da sociedade para reforzar, enriquecer e xerar valor á candidatura”, apuntou Martínez Montero.